Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Pandeiretas, gaitas, tambores, cantareiras,...

Compartir:

Pandeiretas, gaitas, tambores, cantareiras, bailadeiras... na V Foliada do Bosque!

O sábado 8 de setembro o Bosque do Añón acolle esta cita coas nosas tradicións dende o mediodía e até que o corpo aguante

A Foliada celébrase cada ano no Bosque do Añón / Foto: Foliada Galega

A Foliada celébrase cada ano no Bosque do Añón / Foto: Foliada Galega

Pandeiretas, gaitas, tambores, cantareiras, bailadeiras... e todos e todas os amantes da música e baile tradicional teñen que pasarse este sábado pola V Foliada do Bosque, unha xuntanza para gozar cos nosos sons máis senlleiros aberta a calquera persoa que queira cantar, bailar ou tocar. Inspirada nunha foliada do Mosteiro de Carboeiro (Silleda) que conta con máis de 20 anos de tradición, a do Bosque, segundo explican dende a organización -a asociación Foliada Galega- pretende ser unha "jam session" á galega. No Bosque do Añón atoparedes durante todo o sábado 8 de setembro a partir do mediodía música non-stop e festa sen parar até a madrugada (mesmo até as seis ou sete da mañá).

Haberá unha barrra para vender comida e bebida a prezos populares e actividades para nenos e nenas pola tarde

Durante horas e horas os e as participantes van sumándose á música e ao baile dentro da carpa de forma espontánea, mantendo viva a foliada. Pero non fai falla ser un experto para participar, calquera pode pasarse polo Bosque para pasalo ben, desfrutar co espectáculo e pasar un bo rato. Ao non ser unha cita regrada, hai momentos en que se xunta unha enchenta de xente e outros nos que hai menos, pero en conxunto a cita conta con moita afluencia , apuntan dende Foliada Galega.

Xogos tradicionais e billarda

Foliada do Bosque

A Foliada non se centra unicamente nun aspecto da nosa tradición, así que pola tarde tamén haberá espazo para máis actividades. Dende as 17.00 horas os máis cativos e cativas (e os que non o son tanto) terán a oportunidade de participar en xogos tradicionais como a rá, e tamén haberá un Aberto de billarda. Neste último caso, haberá agasallos para os primeiros e primeiras clasificados. E para os xogos haberá dous monitores que supervisen as actividades.

Por se, con tanta actividade a alguén se lle dese por comer, Foliada Galega pon a disposición dos asistentes unha barra con bocadillos e bebidas a prezos populares. Tamén hai mesas e sillas para que se alguén quere levar a súa propia comida teña un espazo para vivir a Foliada tranquilamente.

Por último, dende a asociación Foliada galega queren facer un chamamento para que se sume máis xente á organización e a tradición non se perda. Cada ano son dúas persoas as que levan a loxística, xunto con xente de fóra de Carballo, de Lalín, Arteixo, A Laracha, Vilagarcía... Esperan que máis veciños e veciñas do pobo acaben colaborando para ter Foliada por moitos anos máis.

Así que xa sabedes... a colaborar e a troulear!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica