Volve Berocasión, a feira de vehículos de ocasión de Carballo
Do venres 24 ao domingo 26 de agosto atoparedes máis de 400 vehículos a prezos inmellorables na contorna do Rego da Balsa
Berocasión expón os vehículos na contorna do Rego da Balsa
Queredes cambiar de coche? Ou tantear o mercado? Igual sentides a tentación de renovar o voso automóbil se vos achegades estes días a Berocasión, a feira de vehículos de ocasión de Carballo! Este ano vén marcada polo número 13, ao ser a decimoterceira edición e contar con 13 concesionarios e establecementos de compra-venda, o dobre que na edición anterior, medrando cada ano en oferta, prestacións e mesmo en espazo de exposición.
Este ano a feira duplica o número de expositores chegando ata 13 puntos de venda de automóbiles
Poderedes escoller entre máis de 400 vehículos de Km.0, seminovos, industriais, mixtos, de ocasión, nacionais, de importación... con Automóviles Dimolk-Peugeot, Caeiro-Renault, J. Lema Multimarca, Miguel-Taller Cinco Multimarca, Rebalcars Multimarca, Vilas Rama-Citroën, V-Car, Chacar Multimarca, Balsacar Multimarca, JGCar, Garvi Automóviles, Grupo Breogán-Toyota e Bercauto. E tamén haberá variedade de prezos, dende 3.000 euros a 60.000, aproximadamente, con posiblidade de condicións especiais de financiamento.
Horarios
Berocasión estase consolidando como unha feira de referencia en Galicia, a máis importante das que se levan a cabo en espazos abertos. De feito, este ano duplicouse o número de expositores, polo que tivo que reducirse o o número de unidades por concesionario con respecto a anos anteriores. O recinto ampliado seguirá estando situado un ano máis na zona do Rego da Balsa.
Berocasión abre as súas portas o venres 24 de agosto ás 16.00 horas (por primeira vez comeza en venres), e tanto o sábado coma o domingo o servizo de atención ao público será ininterrompido desde as 10.00 ata as 21.00 horas.
Botade un ollo! Seguro que atopades o que necesitades!