Fin de semana de volei-praia dende Razo!
O Torneo Foliada Concello de Carballo invade a Explanada o domingo 12 de agosto a partir das 10.00h: non perdades o espectáculo!
Xogos no torneo de 2017
Punto, set e partido! Estas verbas escoitaranse sen parar este domingo 12 de agosto na Explanada de Razo durante a celebración do Torneo-Foliada de volei-praia Concello de Carballo. Unha cita que o ano pasado bateu todos os rexistros con máis de 100 parellas anotadas, e que este ano vai polo mesmo camiño. Así, o torneo reflicte o auxe que este deporte está tendo nas praias carballesas, con máis seguidores cada ano e con xogadores locais que mesmo están participando nos circuítos con éxito, como Pablo Deus, convocado este ano pola selección galega. Ademais, este ano o torneo conta co Premio Agustín Mourís, un referente do voleibol en Carballo e en Galicia falecido en 2017.
As categorías (todas elas divididas en masculina, feminina e mixta) son as seguintes:
- Supermini: 10 anos de idade ou menos.
- Sub-15: 11, 12, 13 e 14 anos.
- Sub-17: 15 e 16 anos.
- Senior: 17 en adiante.
- Super 80: a suma das idades dos integrantes da parella ten que ser igual ou superior a 80, cunha idade mínima de 35 anos.
Paella e xogos
Pero se por algo se caracteriza o Torneo Foliada é polo seu carácter acolledor e familiar. Ademais de volei durante todo o día, haberá xogos como o tiro da corda ou o lanzamento de pedra, e moitas sorpresas. E xa é tamén tradicional a paella do mediodía a prezos populares, Serán dúas ben cumpridas para atender a fame dos participantes. A cita será dende as 10.00 da mañá e até as 20.00 horas. Toda a info sobre os cadros e os enfrontamentos, no Facebook das Escolas de Volei-praia de Razo.
Praia, volei e diversión este domingo en Razo! Vén a vernos!
Organiza a cita a Asociación de Volei Praia Costa da Morte coa colaboración do Concello.