Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Patacas de Carballo, churrasco e música: na Festa...

Compartir:

Patacas de Carballo, churrasco e música: na Festa do Cachelo de Oza!

O sábado 11 de agosto a Escola Nova da parroquia acolle esta cita na que tampouco falta animación para nenos e nenas e as gañas de pasalo ben

Festa do Cachelo

Segundo o diccionario da Real Academia Galega, a palabra "cachelo" ten dúas definicións: "pataca cortada en toros, cocida coa pel", e "pataca en anacos cocida sen pel". En Carballo, de toda a vida fixémola coa pela, e así a fan na Festa do Cachelo de Oza que se celebra o sábado 11 de agosto. Arredor de 200 persoas, aínda que poden ser máis, daranse cita na Escola Nova de Oza a partir das 20.30 horas para gozar con esta degustación gastronómica na que haberá cachelos de patacas de Oza, churrasco, viño, cafés e xeado de postre. Fáisenos a boca auga coa nosa pataca de Carballo!

Este ano cúmprense once dende que se celebra a cita, pensada especialmente para os socios e socias da Asociación A Torre Vixía, organizadora da festa, pero na que calquera pode apuntarse. Para os membros da entidade o prezo é de 5€, mentres que para quen se queira achegar, son 15€. Ademais da cea, prevista aproximadamente a partir das 22.30 horas, haberá actividades para os máis cativos e cativas organizadas pola Asociación Ambiental Senda Nova a partir das 19.00 horas; e música co grupo Os Trastes despois da cea e ata que o corpo aguante.

Aproveitade o verán para comer as mellores patacas do mundo! (co permiso das de Coristanco, que sempre hai debate...) Achegádevos a Carballo!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica