Nova edición do rueiro de Carballo: xa na Oficina de Turismo e en edificios municipais
A actualización inclúe un código QR para poder descargalo en PDF, e novas seccións dedicadas á artesanía local e ás panadarías marca Pan de Carballo
O novo rueiro actualiza tamén os datos sobre aloxamentos e locais hostaleiros
Visitantes e os veciños e veciñas que o precisen xa poden consultar unha nova edición do rueiro municipal. Trátase dunha actualización na que se engaden todas as áreas de estacionamento da capital municipal -incluídas as máis recentes-, e na que se reflicten novos datos como todos os servizos que ofrece o Fórum Carballo -sinalando a presenza das dependencias da Xunta e do INEM- ou a localización da nova sede da Policía Nacional para renovar o DNI no edificio da Casa do Concello.
Ademais da lóxica actualización de datos, como novidade o rueiro conta cun código de localización QR para poder descargalo dixitalmente en PDF e na traseira engádese unha sección dedicada en exclusiva ás panadarías do municipio incluídas na marca Pan de Carballo ou aos establecementos de artesanía. Os aloxamentos divídense tamén, e por vez primeira, naqueles situados na capital municipal e nos campings, apartamentos turísticos, hoteis rústicos, hoteis e casas rurais do resto do territorio. Por último, o rueiro tamén ofrece unha imaxe renovada.
Os interesados e interesadas poden recoller xa o rueiro na Oficina de Información Turística - Museo de Bergantiños e nos edificios municipais.
Tamén pode descargarse aquí: RUEIRO DE CARBALLO [PDF].