Carballo a un paso

Inicio // Artigos // O folk de Susana Seivane visita Carballo

Compartir:

O folk de Susana Seivane visita Carballo

O Verán Cultural ofrece un concerto desta gaiteira que mestura a tradición da música galega con outros sons máis modernos e a súa doce voz

Susana Seivane e a súa banda nunha das súas actuacións

Susana Seivane e a súa banda nunha das súas actuacións

Susana Seivane é unha das artistas galegas máis recoñecidas do panorama folk internacional. A súa maneira excepcional de entender a gaita e o seu virtuosismo, en parte trasmitido pola súa familia xa que é filla e neta de gaiteiros e luthiers, fan que sexa un referente da música galega. Unha mestura áxil e moderna que afonda na súa raizame no máis profundo da tradición galega, lonxe de perder o aire enxebre dos antigos gaiteiros, reivindica a súa tradición e ábrea ás influencias doutras músicas, incorporando tamén a súa doce voz

O concerto é o venres 27 de xullo na Praza do Concello a partir das 22.30 horas; de balde

En Carballo presenta po venres 27 de xullo o seu novo e ambicioso traballo, Fa, que recolle os sentimentos do embarazo e a maternidade axudada pola experiencia vivida cos seus propios nenos, Fiz e Antón. Un dobre disco que é, posiblemente, a obra máis intimista da gaiteira, romántica, inspiradora e tenra, creada para nenos e non tan nenos, pais e fillos de todas as idades. De balde, a partir das 22.30 horas na Praza do Concello.

Un pouco de historia

Para coñecer un pouco mellor a Susana Seivane hai que afondar na súa historia. Naceu en Barcelona no ano 1976, é a herdeira da familia Seivane, unha das familias con máis prestixio e sona dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas en Galicia. Comenzou a súa andaina musical ao cumprir tres anos de idade, pero non é ata 1999 cando edita o seu primeiro disco Susana Seivane, producido por Rodrigo Romaní, un dos membros fundadores de Milladoiro. Este traballo baseado en temas tradicionais e composicións de artistas galegos, lévaa polos mellores escenarios de folk nacional e internacional, acadando grandes éxitos e loables críticas. O seu primeiro disco edítase en Europa, EEUU e Canadá.

Co seu segundo traballo Alma de Buxo, producido por ela mesma, consolídase como artista galega de referencia no panorama folk. No ano 2001 resultou unha das cinco finalistas dos Indie Awards, os prestixiosos premios que cada ano outorga a Asociación de Música Independente de EEUU (AFIM). Mares de Tempo é o terceiro traballo de Susana Seivane, nunha traxectoria imparable que a está a levar polos mellores escenarios tanto do territorio nacional como internacional (Escocia, Alemania, Francia, Italia, Estados Unidos, Arxentina, etc.).

Dez anos despois da publicación do seu primeiro traballo discográfico vía a luz Os soños que volven, melodías da súa infancia. No 2015 publica o DVD Susana Seivane e amigos, que recolle un impresionante concerto ao vivo, ofrecido nas Festas de María Pita na Coruña, no 2012. Neste ano lanza tamén o seu single Esperando a Fiz, un adianto do seu próximo disco, Fa, que agora presenta en Carballo. Non o perdades!


Actuación incluída no Verán Cultural coa colaboración da Deputación da Coruña.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica