Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Estás de vacacións e non trouxeches nada para...

Compartir:

Estás de vacacións e non trouxeches nada para ler? Practica BookCrossing!

Carballo conta con tres puntos de libre recollida de libros nas praias e na Oficina de Turismo para que ninguén quede sen ler a súa novela este verán

Hai dous puntos de recollida nas praias, en Razo e en Pedra do Sal; proximamente haberá outro na Oficina de Turismo

Hai dous puntos de recollida nas praias, en Razo e en Pedra do Sal; proximamente haberá outro na Oficina de Turismo

Estás de vacacións pola zona e esqueceches meter un libro na maleta? Apetéceche estar tirado na toalla mentres vives emocionantes aventuras? Pois aínda que a maleta e a bolsa da praia estivesen tan ateigadas que non collía nin un alfinete, en Carballo podes seguir gozando da lectura. Durante todo o verán, as persoas que se acheguen ás praias de Razo e Pedra do Sal, e proximamente tamén na Oficina de Turismo, poderán recoller e depositar libros de balde nos tres puntos de BookCrossing (ou BC, "encrucillada de libros") instalados coa colaboración das Bibliotecas de Carballo. Deste xeito, os e as veraneantes, ademais de pasear, bañarse e tomar o sol poderán achegarse ás lecturas máis refrescantes á beira do mar.

Para aproveitar o servizo só hai que escoller libro, rexistralo e ler; devólvese no mesmo ou noutro punto de BookCrossing

A iniciativa pretende converter os nosos areais nunha gran biblioteca ofrecendo aos visitantes un servizo publico de lectura sen necesidade de que ninguén teña que traer o libro da casa. O funcionamento é moi sinxelo e consiste en tres pasos: atopa, le e libera. Para atopar os libros abonda con achegarse ao puntos de intercambio, instalados nas bases de salvamento e socorrismo de Razo e Pedra do Sal, e rexistralos. Unha vez seleccionado o exemplar, o usuario/a poderá levalo consigo e desfrutar da súa lectura onde e cando queira. Finalmente, o libro liberarase deixándoo no mesmo punto ou noutra zona oficial BookCrossing.

Volumes para todos os públicos

BookCrossing en Razo

BookCrossing en Razo

Entre os exemplares xa liberados atópanse todo tipo de títulos dirixidos ao público xuvenil e adulto. Autores como Ken Follet, Robert Louis Stevenson, Lewis Carroll, o recentemente falecido Stephen Hawking ou mesmo escritoras de novela romántica como Nora Roberts. Súper vendas pero tamén clásicos de sempre para tostarse ao sol, ou á sombra.

Polo ben de todos e todas e para que este servizo poida ter continuidade, desde a Concellería de Cultura de Carballo prégase aos usuarios e usuarias que fagan un uso correcto dos libros, tratándoos coma se fosen propios e devolvéndoos despois da rematalos.

Feliz encrucillada de lectura!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica