Os muíños
Muíño da Cheda
Máis de setenta muíños temos catalogados no noso concello. Algúns deles aínda funcionan e outros foron rehabilitados en épocas recentes. Se prestamos atención e botamos a imaxinación a voar, quizais aínda poidamos escoitar os recordos das xornadas de traballo, mais tamén de troula, das e dos nosos maiores.
Recomendamos que vos acheguedes á férveda de Entrecruces para que poidades ver os muíños restaurados en anos recentes na ribeira do Outón. Tamén é aconsellable a visita á Cheda, que aínda traballa. Está situado xunto a unha área recreativa en Bértoa idónea para a realización de festas campestres.
Xa no concello de Coristanco, pero moi preto de Carballo, está a área recreativa de Verdes, cun conxunto ben fermoso e interesante de muíños. Os muíños dan fe dunha terra coñecida dende vello por ser fértil en cereais e afamada polo seu bo pan, o que lle valeu ser coñecida nalgún momento como o celeiro de Galicia. Canto máis forza levara a auga, máis miudiña saía a fariña, e de máis calidade o pan. Así que, no saboroso do pan de Carballo teñen moito que ver as augas do Anllóns…