Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Música infantil para todos os públicos con Magín...

Compartir:

Música infantil para todos os públicos con Magín Blanco e a Banda das Apertas

O venres 13 de xullo a Praza do Concello acolle o concerto deste músico ourensán que contará e cantará as aventuras de A nena e o grilo

Magín Blanco (con chistera) e os músicos cos que toca nos seus concertos

Magín Blanco (con chistera) e os músicos cos que toca nos seus concertos

En Carballo sempre hai espazo para o lecer dos máis cativos e cativas, e no Verán Cultural, tamén. Este venres 13 de xullo o coñecido compositor, guitarrista e cantante galego Magín Blanco presenta coa Banda das Apertas na Praza do Concello A nena e o grilo. Entre todos descubrirán os segredos desta nena a través de cancións e contos. Os máis cativos e cativas viaxarán por singulares aventuras nas que as letras das cancións marcarán o ritmo deste concerto para escoitar en familia e que comeza ás 21.00 horas. E xa sabedes, todo o do Verán Cultural é de balde!

Magín Blanco crea cancións para nenos e nenas, pero coas que tamén podan pasar un bo rato os adultos que os acompañen

Magín Blanco é un compositor, guitarrista e cantante ourensán. Comezou a súa carreira musical no grupo La Rosa co que editou catro discos entre 1988 e 1995. Desde o ano 2006, lanzou tres discos en solitario antes de dedicarse á música infantil, coa que leva xa moitos anos xirando por toda a xeografía galega. En 2010 crea, con outros músicos como Uxía Senlle, Guadi Galego, Fred Martins ou Quim Farinha, o libro-disco A Nena e o Grilo. Tres anos despois chega a continuación, A Nena e o Grilo Nun Barquiño. A idea destes traballos é o de crear cancións que podan desfrutar tanto os máis cativos e cativas como os e as máis maiores, instruíndo e fomentando nos máis pequerrechos o amor pola música.

Traxectoria na música infantil

A nena e o grilo

Logo das aventuras desta nena, chegarán outras, como a de Gatuxo, que conta as experiencias do primeiro ano de vida dun bebé; ou Uxía e Magín na Casa de Manuel María: Canta o Cuco, no que Uxía e Magín unen forzas para achegar ao público infantil a figura do poeta galego Manuel María, homenaxeado nas Letras Galegas de 2016.

Xa en 2017 chega Camiños, un novo libro-disco ilustrado por Leandro Lamas. Presenta trece novas composicións con contos e poemas de Carlos Meixide, Víctor F. Freixanes, Ledicia Costas, Francisco Castro, Paula Carballeira, Ángeles Sumai, Marta Somoza, María Lado, Antonio García Teijeiro e Eva Mejuto.

En resumo, música, teatro, poesía e contos para estimular e enriquecer a imaxinación e a creatividade dos nenos e nenas. Podedes ofrecerllo todo aos voso fillos e fillas o venres na Praza do Concello. A disfrutar!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica