A Praza dos Libros de Carballo bate récord de vendas!
As nove casetas facturaron un total de 16.200 euros e venderon arredor de 1.200 exemplares, sendo "Carballo na memoria" o volume máis vendido
Concerto de Pakolas na carpa da Praza dos Libros
A Praza dos Libros bate récord de vendas en Carballo. Nun momento de incerteza editorial polo auxe do libro electrónico, na nosa vila o formato en papel goza de moi boa saúde, xa que as nove casetas da nosa feira da diversidade cultural facturaron nos seus catro días de apertura ao público un total de 16.200 euros, a cantidade máis elevada dende que botou a andar a Praza en 2008. As librarías (Á lus do candil, Brañas Verdes, Demo, Ler, Punto e Coma, Roget, Phottic, Teldy e Trasgo) venderon máis de 1.200 exemplares e Carballo na memoria, recompilación de imaxes antigas de Carballo seleccionadas polo historiador carballés Xan Fraga, foi o libro máis vendido. Os autores mediáticos tamén tiveron éxito durante a feira, xa que Manuel Rivas e Contra todo isto foi o segundo libro máis demandado. O escritor galego xa ten visitado Carballo en varias ocasións para falar das súas obras e sempre consegue congregar a numeroso público.
As presentacións e concertos destinados ao público infantil ateigaron a carpa situada no Xardín Municipal
Pero, como cada ano, a literatura e a música infantil son as raíñas. Os libro-discos presentados ao longo da feira por Pablo Díaz, Mamá Cabra, Pakolas e Paco Nogueiras trunfaron tanto en público nos concertos de presentación coma nas peticións de mamás e papás nas casetas. E a literatura en galego manda, un ano máis. Dos máis de 1.200 exemplares vendidos, aproximadamente o 60 por cento foron títulos en galego.
Balance positivo
Manuel Rivas durante a feira
O balance dos establecementos participantes é moi bo, e ademais de amosar o seu interese por seguir participando na Praza dos Libros, destacan positivamente diferentes aspectos organizativos, ademais da elevada asistencia a todas as actividades paralelas. Ao longo dos catro días realizáronse unha vintena de actividades. A nova carpa quedou pequena en todos os espectáculos infantís, pero tamén en moitas das presentacións e no pregón de Sés.
Coma é habitual, cando a Praza coincide coa feira de produtos tradicionais é cando hai máis afluencia de público. En concreto, o domingo foi multitudinario e voaron os moletes de pan, que sempre teñen moi boa acollida, ao igual que as latas de atún que se entregaron o xoves con cada compra. Este ano, ademais, os rascas con 500 premios directos tiveron moi boa acollida, ademais de ser un marcapáxinas que levar para a casa. Xa só queda agardar ata o ano que vén!