Carballo a un paso

Inicio // Artigos // As gaitas volverán a soar nun Festifolk...

Compartir:

As gaitas volverán a soar nun Festifolk protagonizado polos sons de Milladoiro

A Praza do Concello acolle o sábado 7 de xullo o festival de música tradicional que arrinca ás 20.30 horas e que inclúe o desfile de gaiteiros

Actuación de Milladoiro

Actuación de Milladoiro

Por cuarto ano consecutivo Carballo acolle o Festifolk Costa da Morte, un festival que homenaxea a música tradicional galega da comarca e que tamén servirá de excusa para que os carballeses e carballesas celebren con Milladoiro os seus corenta anos sobre os escenarios e para que coñezan en primicia, antes de que o presenten en Ortigueira, o seu disco número 26: Atlántico. Pero iso será ás 22.30 horas, mentres que os sons do Festifolk poderán escoitarse xa dende as 20.30. E será con Proxecto Nordés, un grupo de rapaces e rapazas da Escola de Música de Cee que presentan, baixo a coordinación do acordeonista Fernando Fraga, o seu repertorio folk, galego, e tamén doutros países. De entre 15 e 17 anos, estes oito músicos quecerán ao público antes do desfile de gaiteiros polas rúas de Carballo.

Este ano participan no desfile agrupacións de Cee, Cabana, A Laracha, Muxía e a Banda de Gaitas de Carballo

Este desfile, que inclúe a grupos de gaiteiros da Costa da Morte, é unha nova ocasión para que veciñanza e visitantes escoiten polas rúas de Carballo os sons do noso instrumento máis senlleiro. Está confirmada a participación da Banda Municipal de Gaitas de Carballo, mais tamén haberá outras agrupacións, coma O Son do Castro (Borneiro, Cabana); Farrapos de Neaño (tamén de Cabana), Arume (de Caión-A Laracha) ou Xaramiños do Corpiño (dende Muxía). E, por suposto, calquera pode coller a súa gaita e sumarse ao desfile. Ao remate do mesmo, todos eles interpretarán diante do palco da Praza do Concello o Himno do antigo reino de Galicia, e tamén haberá unha homenaxe para Pepe Ferreirós, membro de Milladoiro.

Corenta anos de Milladoiro

Festifolk

Xa ás 22.30 horas será o momento de escoitar o concerto de Milladoiro e as notas do seu novo disco Atlántico, o seu primeiro álbum de estudo en dez anos. A agrupación preséntase renovada e convídanos a viaxar alén de nós, no mar da memoria do tempo. Este grupo ten visitado Carballo en múltiples ocasións nos seus 40 anos de historia. No momento da súa creación, tres levaban percorrendo Galicia nas romarías, nas festas, nos teatros… sempre en contacto cos vellos gaiteiros herdeiros directos da tradición: Xosé V. Ferreirós, Nando Casal e Ramón García Rei que formaban “Faíscas do Xiabre”, grupo de música tradicional que deixou un fermoso disco titulado In Memoriam.

Doutra banda estaban dous músicos que anos antes colleran a teima das sonoridades e instrumentos medievais: a zanfona, a cítola, a ocarina, o freixolé... Son Rodrigo Romaní e Antón Seoane. Froito do traballo de todos naceu o disco Milladoiro, Premio da Crítica no ano 78. Coñeceron a quen nese tempo botaba a andar o cerne do futuro Grupo de Cámara da Universidade de Compostela e así pasaron de cinco a seis coa chegada de Xosé A.Milladoiro no 84. Tan só faltaba atopar violinista, posto na actualidade ocupado por Harry.c. No ano 2000, prodúcese no grupo o relevo de Rodrigo Romaní coas incorporacións do harpista Roi Casal e mais do guitarrista Manú Conde. Corenta anos de historia, de cambios, de evolución que se farán sentir en Carballo. Para non perder!

Horario completo

  • 20.30 h. Proxecto Nordés
  • 21.00 h. Desfile de gaiteiros polas rúas de Carballo
  • 21.45 h. Entrega do premio Gaiteiro do Festifolk
  • 22.15 h. Interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia
  • 22.30 h. Concerto de Milladoiro


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica