Verán Cultural: do 4 de xullo ao 8 de setembro
Praza dos Libros, Festifolk con Milladoiro, Amancio Prada, Susana Seivane, Xabier Díaz, Magín Blanco, Píscore... Seguide o canto da serea este verán!
Este verán Carballo deixarase agarimar polo canto das sereas grazas á música e as actividades do Verán Cultural 2018. O mar entrará de cheo no municipio con Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre ou co concerto Atlántico de Milladoiro no marco do Festifolk. Coma sempre, o programa agocha citas para todos os públicos e para todas as idades, e inclúe programacións propias como a da Praza dos Libros ou as Noites de Cine; e tamén citas gastronómicas, actuacións específicas para público infantil ou as tradicionais verbenas nas parroquias. Os nomes propios máis destacados, ademais dos xa mencionados: Magín Blanco, Caxade, Susana Seivane, A Banda da Loba, Píscore e Amancio Prada.
Do 4 de xullo, en que arrincan as Noites de cine; ao 8 de setembro, en que terá lugar a V Foliada do Bosque, todos os venres haberá citas musicais gratuítas na Praza do Concello, rematando co tradicional Festival de Música e Baile Tradicional o venres 31 de agosto, no que as asociacións de Carballo amosan o traballo de recuperación e posta en valor do folclore tracicional galego. Hai que mencionar que no caso de choiva, as actuacións previstas poderán trasladarse ao Pazo da Cultura ou ao segundo andar da Praza de Abastos con entrada libre ata completar o aforo. Informarase coa máxima antelación posible.
Ven a Carballo e sácalle prebe ao teu verán!
Toda a info:
PROGRAMA DO VERÁN CULTURAL 2018 [PDF]
Concellaría de Cultura
Pazo da Cultura. Rúa do Pan, s/n
Teléfono: 981 704 300
<culturacarballo@carballo.gal>