A Praza dos Libros vive, respira, palpa, sente e vende letras, imaxinación e vida
Do xoves 5 ao domingo 8 de xullo o Xardín Municipal acolle a Feira da diversidade Cultural con nove librarías, agasallos, atún, pan e moitos libros
O Xardín Municipal durante a celebración da Praza dos Libros
Sés, Manuel Rivas, Mercedes Queixas, Xan Fraga, Rosalía Fernández, Pedro Feijoo, Emma Pedreira, Miro Villar.... Música, gastronomía, artes plásticas, centos de libros... Soa fantástico, verdade? Por separado, ou todo xunto mesturado, estes son só algúns dos ingredientes da Praza dos Libros de Carballo 2018. Con máis librarías ca nunca, rascas con premios, atún e pan: do xoves 5 ao domingo 8 de xullo a Praza do Concello vive, respira, palpa, sente e vende letras, imaxinación e vida. Son catro días cheos de actividades concentradas arredor de 9 librarías: Á lus do candil, Brañas Verdes, Demo, Ler, Punto e Coma, Roget, Phottic, Teldy e Trasgo; e do posto das Bibliotecas de Carballo. O horario: de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas.
Durante todos os días de celebración da feira haberá un 10 por cento de desconto nas compras en todos os postos
Os amantes da lectura non teñen excusa para non mercar, xa que durante todos os días que dure a Feira da Creatividade Cultural de Carballo, todas as compras terán un 10 por cento de desconto e ademais, os clientes recibirán un rasca en forma de marcapáxinas agochando centos de agasallos: camisolas, chapas, libros, chaveiros, cadernos... E xa que a Praza dos libros coincide coa feira carballesa o xoves e o domingo, todas as persoas que merquen un libro durante a mañá da xornada inaugural recibirán unha lata de atún Calvo; e o domingo pola mañá, como xa é tracicional, un pan de Carballo coa iniciativa "Un libro, un pan". Por se o propio pracer da lectura non fose alimento suficiente, tamén mantemos o cerebro e a tripa con gorentosa comida.
Moita música e citas para o público infantil
Paco Nogueiras na Praza dos Libros
Cada ano, na Praza dos Libros os nenos e nenas teñen unha importancia especial, xa que é neles onde residen os comezos da afección á lectura. Este ano poderán gozar con citas o xoves, venres e domingo ás 18.30 horas con Pablo Díaz, Pakolas e Paco Nogueiras. Ademais, o día da apertura haberá animación infantil na feira con Anxo Moure e a súa Biblio-barca; e o venres ás 12.00 horas concerto de Mamá Cabra. Libros-disco para enganchar á cativada. Por último, a programación infantil complétase con actividades do programa Apego o sábado 7. Primeiro coa presentación do álbum ilustrado Lica -esta cita precisa inscrición previa na Biblioteca Rego da Balsa e poden participar nenos e nenas de entre 4 e 7 anos-; logo co contacontos para crianzas de Mercedes Queixas, Xandra, a landra que quería voar.
Tamén hai que mencionar as actividades paralelas, as dúas o sábado 7 de xullo. A primeira é unha visita guiada polos principais murais do proxecto de recuperación urbana a través da arte Derrubando muros con pintura. A saída é ás 20.30 horas dende a Praza dos Libros e a duración aproximada do percorrido é de hora e media. Esa mesma noite ten lugar o Festifolk Costa da Morte. Será a partir das 21.00 horas cun desfile de grupos de gaitas polas rúas de Carballo, cun peche coa interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia ás 22.00 horas na Praza do Concello. A continuación, os amantes do folk poderán gozar coa actuación do grupo Milladoiro.
Todo isto acompañado de libros, moitos libros, centros de libros... Con presentacións, proxectos, albúms ilustrados, sinaturas e moito máis que podedes consultar no programa completo clicando aquí. Vinde á Praza dos Libros! Vinde a Carballo!