Carballo a un paso

Inicio // Artigos // O San Xoán é a festa suprema da luz vencendo ás...

Compartir:

O San Xoán é a festa suprema da luz vencendo ás tebras

Jorge Mira, Pregoeiro do San Xoán 2018

Jorge Mira

Jorge Mira

Se entramos en Google e poñemos o nome de Jorge Mira atoparemos un doutor en Física pola Universidade de Santiago, catedrático en Electromagnetismo, investigador, divulgador científico, colaborador de numerosos medios de comunicación (televisión, radio e prensa), director do programa ConCienciada da USC e responsable da visita de 29 premios Nobel a Galicia, escritor, membro da Real Academia Galega, deportista incansable e ata campión de natación da categoría máster. Pero detrás do seu palmarés científico e académico repleto de premios e galardóns, de medallas e de recoñecementos deportivos, e dun currículo de vertixe, agóchase un home de costumes sinxelas, claro e transparente; un comunicador nato, capaz de transmitir os seus coñecementos de maneira intelixente e intelixible; unha persoa accesible, próxima e solidaria, sempre disposta a colaborar en causas benéficas; un veciño da localidade de Baio (Zas) e un namorado da Costa da Morte; un cidadán do mundo e agora, ademais, pregoeiro das festas de San Xoán.

Que sentiches cando che propuxeron ser o pregoeiro?

Un enorme honor, porque son unhas das meirandes festas de Galicia, e, ademais, as dun lugar moi especial na miña vida, perfilada en gran medida na capital de Bergantiños.

Sentín un grande honor cando me propuxeron ser pregoeiro porque son unhas das meirandes festas de Galicia

Cal é a túa vinculación con Carballo?

Fundamentalmente a debida ao meu paso polo Instituto Alfredo Brañas, catro anos que ocuparon a parte central da miña adolescencia, nunha época na que ese instituto era o punto neurálxico dunha amplísima zona, que ía dende Baio ata A Laracha. Un radio de acción sen precedentes porque nunca volveu a haber nestas latitudes de Galicia un punto de encontro para a mocidade tan extenso coma ese.

Estiveches algunha vez nestas festas? Que lembranzas tes destas datas?

Moitas veces! As lembranzas son de verán, de ledicia, de punto de encontro con amigos que en moitos casos non ves ao longo do ano.

Con que te quedas da celebración? Que é o que máis che gusta?

Se che son sincero, o que máis me gusta é a zona das atraccións. É unha concentración que non se atopa nin nas grandes cidades. E, por suposto, tamén me quedo cos paseos ateigados de xente e co remate na rúa Estrela.

Mira con Stephen Hawking

Mira con Stephen Hawking

Mediches a temperatura do ceo e do inferno, desvelaches algúns dos segredos mellor gardados do botafumeiro de Santiago, trouxeches a unha trintena de Premios Nobel, personalidades do telle e a grandeza de Stephen Hawking. Pero, como explicas a maxia que envolve a noite meiga do San Xoán?

A maxia vénlle do solsticio a festa suprema da luz vencendo ás tebras, da fascinación que dende milenios tivo o ser humano por esa peculiar colocación da Terra respecto do sol.

Ata que punto a física está presente no noso día a día?

Todo o que te rodea e percibes é física: materia, enerxía, espazo e tempo. E. por suposto, todo o noso nivel de vida está baseado, en ´último termo, nos seus avances.

Entón, é todo cuestión de cifras e letras?

Se non é todo, eu diría que unha gran parte. Como dicía Galileo, o Universo está escrito en linguaxe matemática.

Por que decidiches estudar física?

A min de pequeno gustábamo todo, pero a física e a matemática para min eran irrenunciables. A elección tivo lugar na miña época de Carballo, onde me atopei con excelentes profesores. Neste punto non podo evitar facer unha mención especial a un carballés de pro como José María de la Viña Varela.

Escoitándote todo parece moi sinxelo pero, que facultades debe ter un físico?

Intelixencia, capacidade de abstracción, de observación e detección de patróns. E, por suposto, fascinarse coa súa beleza e saberse facer as preguntas axeitadas.

Cal é o teu maior logro profesional?

O descubrimento dunha relación entre o magnetismo e a resistividade eléctrica en certos materiais e a obtención dun modelo matemático que explica a evolución lingüística dun pobo bilingüe ao longo do tempo.

E o recoñecemento que máis ilusión che fixo?

Hai case dúas décadas fun finalista do premio ao investigador español novel. Non o gañei, pero foi un dos primeiros recoñecementos da miña carreira e fíxome especial ilusión.

E a nivel persoal?

Ter a sorte de rodearme de boa xente.

Ademais dun físico de renome, es divulgador científico, escritor, colaborador en varios medios de comunicación, deportista, en que eido te desenvolves mellor?

Diante de nada son investigador, ese é o meu espazo natural e é aí onde creo que mellor me desenvolvo. O dos medios de comunicación e o deporte sérveme como mecanismo de compensación, para descansar a mente poñéndoa noutra cousa, e tamén para equilibrarme.

Cal é o segredo para falar de ciencia de maneira tan clara e intelixible?

O primeiro, identificar a que espectro de poboación te queres dirixir. Feito iso, tes que poñerte na súa pel e adaptar o nivel do discurso.

Actualmente Mira traballa en cinco proxectos; un deles podería levar a diagnosticar a artrite con baixa radiación

En que proxectos estás a traballar?

Traballo en cinco liñas de investigación totalmente distintas, que van dende a física de materiais e a nanotecnoloxía ata a física médica ou a análise matemática da sociedade. Ata teño calculado os puntos do último solpor da Europa continental, así que xa ves… É algo que fago adrede, para ter os radares abertos coa maior amplitude posible. Con ese panorama, os novos retos chegan constantemente: conseguir fluxos de calor en materiais aplicando presión, diagnosticar problemas de artrite con técnicas de baixa radiación, liberar a auga de contaminantes case imposibles de limpar, etc.

E de proxectos a soños, cales son os teus?

Soño con que a xente á que quero teña saúde. Fóra diso, o resto dos soños son en certo modo accesorios. Ben, a ver… un científico sempre soña con facer un descubrimento que pase aos libros de historia, ha, ha!

Es unha persoa de fortes conviccións relixiosas, logo ciencia e relixión son compatibles?

Non son tan fortes, aínda que teño claro que o paradigma cristián (dende o punto de vista prístino no termo) é do máis positivo. Amar aos demais como a un mesmo é unha fermosa filosofía vital, non si?

E xa para rematar, podes contarnos algunha curiosidade sobre a festividade do San Xoán?

Mmm… pois mira, vou tirar polo meu… Aínda que no solsticio de verán a duración do día é de algo máis de 15 horas e 20 minutos, en realidade gozamos dun maior período de luz: unha vez posto o sol, seguimos recibindo a súa luz crepuscular, que vai esmorecendo en tres fases. A última delas remata en torno ás 0.35 horas, pero é que ás 4.35 xa empeza a fase máis tenue do crepúsculo do amencer do día seguinte… Así que, nas festas de San Xoán a noite pechada só dura 4 horas!

JORGE NO PUNTO DE MIRA

Un lugar para perderte: moitos da Costa da Morte.

Libro máis lido: El camino de Miguel Delibes; e El arte de no amargarse la vida, de Rafael Santandreu.

Un olor: o da miña casa de Baio cando a perfuman as flores de azar das súas laranxeiras.

Un recordo da infancia: as tardes de verán no río e o ambiente das festas.

Na equipaxe sempre:  cepillo de dentes e seda dental.

Unha comida: o caldo que fai miña nai.

Unha afección: o deporte (taekwondo, natación, esgrima, baile de salón, parapente, xadrez e sempre se me deu ben correr).

Un descubrimento: a teoría da relatividade de Einstein.

Concertos ou verbenas? Verbenas.

Para bailar, só ou acompañado? Tendo a bailar máis só, aínda que parte da esencia do baile consiste en facelo acompañado.

De non ser físico, que che gustaría ser...? Matemático (parte da miña investigación é en matemáticas, así que se pode dicir que procuro satisfacer os meus gustos).

Cres que hai vida máis alá do noso planeta? Sen dúbida! Coa vasteza do universo é moi difícil soster que a Terra sexa o único punto con vida.

Entrevista de YOLANDA ANTELO para a Revista do San Xoán 2018.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica