Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Real Sociedad, Sporting, Oviedo ou AFA Angola: no...

Compartir:

Real Sociedad, Sporting, Oviedo ou AFA Angola: no Torneo Alevín de Fútbol-7 Concello de Carballo

O sábado 9 e o domingo 10 de xuño o campo das Eiroas acolle os partidos nos que compiten os mellores equipos do momento en categorías de base

Imaxe desta tempada do equipo de alevíns das Escolas Luís Calvo Sanz

Imaxe desta tempada do equipo de alevíns das Escolas Luís Calvo Sanz / Foto: Escolas Luís Calvo

A Real Sociedad, o Sporting de Gijón, o Real Oviedo, o Deportivo da Coruña, o Real Club Celta e o AFA Angola son os principais nomes do Torneo Internacional Alevín de Fútbol-7 Concello de Carballo que ten lugar o sábado 9 e o domingo 10 de xuño no Campo Municipal de As Eiroas. Trátase da edición número 14 desta cita que chega cada ano durante as Festas de San Xoán e na que tamén temos importantes equipos locais, como unha selección da Costa da Morte, o CD Calasanz e os anfitrións, as Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz. A organización do torneo -unha cita que cada ano consegue que a capital municipal estea invadida polos cativos e as súas familias, ademais dos corpos técnicos- subliña que o criterio para escoller os equipos é, fundamentalmente, a súa longa tradición no fútbol de base.

O Angola volve a Carballo como vencedor de 2017, pero terá que pelexar a victoria con equipos coma o Sporting, dobre campión

Este ano, ademais, haberá un aliciente máis para o público, como é a presenza no cadro de dous derbis galaico-asturianos. Tamén hai que subliñar que o AFA Angola, que foi o campión da edición 2017 e novidade como primeiro equipo africano no torneo, quixo repetir un ano máis; e hai que mencionar que o Sporting tamén sabe o que é gañar nas Eiroas xa que conta con dous títulos no seu palmarés. O Calasanz, pola súa banda, chegou despois de vencer no torneo previo de clasificación ao Pabellón de Ourense. Así mesmo, a selección de xogadores da Costa da Morte é unha forma de que a organización agradeza o apoio da comarca ao fútbol de base, nomeadamente despois de que a Federación Galega de Fútbol inaugurase unha delegación permanente en Baio. Como é habitual, o torneo desenvólvese nunha liga de todos contra todos, outro atractivo máis para o espectador e para que os rapaces disputen moitos partidos, desfruten e aprendan.

Moito máis que un torneo de fútbol

Pero máis aló dos nomes dos equipos participantes e do cadro, se por algo destaca o Torneo Alevín de Fútbol-7 de Carballo é pola súa capacidade para atraer aos afeccionados e afeccionadas de todos os equipos, cun campo que adoita estar cheo e que une a promoción do deporte, co pulo para o turismo na zona e unha axuda para o sector hostaleiro. Os asistentes aproveitan para visitar os principais puntos de interese da comarca, para gozar coa gastronomía e para pasar uns días cos xogadores e con toda a familia.

Nesta edición a maioría dos equipos proceden do Norte de España, unha zona xeográfica próxima para que ninguén se quede sen achegarse a Carballo para ver ao seu equipo. A maioría dos hoteis e locais de Carballo e a contorna colgan o cartel de completo e os visitantes sacan tempo para as visitas entre partido e partido. Hai que lembrar que a gran final terá lugar o domingo 10 de xuño pola mañá.

Moita sorte a todos os equipos e, sobre todo, ás Escolas de Fútbol Luís Calvo, que sempre fan un honroso papel a pesares de enfrontarse a canteiras de moita sona con equipos de Primeira e Segunda División. A gozar do fútbol en Carballo!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica