Imos de Pequefeira co Horto Infantil!
Os nenos e nenas que participan nas actividades durante o curso poñen á venda na Praza do Concello produtos ecolóxicos cultivados por eles mesmos
Un momento da primeira edición da Pequefeira en 2015
Carballo encherase de novo de produtos ecolóxicos cultivados con todo o agarimo polos cativos e cativas do municipio grazas á Pequefeira. O venres 8 de xuño celébrase a segunda edición desta cita na que os e as peques do Horto Infantil Ecolóxico poñen á venda con toda a súa ilusión os produtos da horta cultivados por eles (os que estean prontos, porque este curso van todos os cultivos con atraso debido a este inverno que non marcha), os traballos manuais e tamén os produtos fitosanitarios ecolóxicos nos que levan traballando todo o ano. E para espertar aínda máis o interese, tamén haberá algunha sorpresa entre os postos, que estarán situados na Praza do Concello –no 2º andar do Mercado Municipal en caso de choiva– e abertos ao público de 11.00 a 12.30 horas.
Os postos estarán abertos na Praza -ou no segundo andar do Mercado en caso de choiva- o venres 8 de xuño de 11.00 a 12.30 horas
Trátase da segunda edición da Pequefeira, despois da primeira celebrada en 2015, e nesta ocasión volven a participar os rapaces e rapazas que acoden aos obradoiros do Horto que teñen lugar na rúa Nardos, e tamén quen participan das actividades nos centros educativos, xa que a Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira estende durante todo o curso as actividades do Horto Infantil a colexios en todo o termo municipal para que todos os nenos e nenas teñan a oportunidade de traballar coa terra, de aprender sobre o medio natural e de xogar e divertirse mentres ven medrar o que eles mesmos coidan día a día.
Centros educativos de todo o municipio
Actividade no Horto Infantil
Os centros que participan son o CEIP Fogar, o CEIP Nétoma-Razo, o CEIP Gándara-Sofán, o CEIP Xesús San Luís Romero, o CPR Artai e o CRA Ponte da Pedra. Aínda que os nenos e nenas da Escola Infantil As Landras si que desenvolven actividade ao longo do ano, non participan na Pequefeira porque son moi cativos. Coa celebración da Pequefeira ponse fin á actividade do curso no Horto na que participaron dunha ou outra forma ao redor de 1600 escolares de Educación Infantil e Primaria.
Ademais, a Pequefeira conta con outro aliciente, que é que os nenos e nenas decidirán eles mesmos que facer cos cartos recadados. Así, outro dos obxectivos da cita é que os cativos e cativas se relacionen con todo o proceso de dedicarse á agricultura ecolóxica, dende o cultivo ata a venda final, presentación dos produtos, etc. O alumnado que participa no Horto a través dos obradoiros desenvolvidos na rúa Nardos decidirá en asemblea a que fin social decide destinar os cartos; os centros educativos que participan no proxecto escolar do Horto poderán reinvestir o recadado en actividades ou material para o propio Horto Infantil, en comprar material escolar ou poderán ceder os cartos a unha oenegué.
Pasádevos pola Pequefeira e vivide unha experiencia diferente!