Arrinca o Rexenera Fest: cinco artistas e cinco espazos para mudar Carballo!
Do 23 de maio ao 3 de xuño Bosoletti, Lula Goce, Doa, Daniel Muñoz SAN e Milu Correch encherán de fantasía e de mensaxes as rúas da vila
![Rexenera Fest Rexenera Fest](media/../media/img/2cartaz.jpg)
A cuarta edición do Rexenera Fest terá lugar do 23 de maio ao 3 de xuño de 2018: cinco muralistas deixarán as súas respectivas obras para este crecente museo ao aire libre, ademáis de seminarios, masterclasess, microconferencias, música en directo e un roteiro guiado. De Galicia, de Cáceres e de Arxentina son os artistas que mudarán a faciana de Carballo enchendo os seus muros de mensaxes e fantasía. Un ano máis chega á vila o máis escolleito da arte urbana do momento reunindo ao mellor da escena galega, estatal e internacional do mundo da arte urbana. O festival serve como unha xanela de Carballo aberta ao mundo, que sitúa no mapa a vila a través das súas rúas e favorece un turismo cultural diferente na zona urbana do concello.
O Rexenera Fest actúa en cada edición como un axente rehabilitador contra o feísmo urbanístico e utiliza as rúas como un espazo de diálogo e de expresión artística. Rexenerando espazos deteriorados, achegando valor engadido á paisaxe urbanística, dinamizando o tránsito peonil e expandindo os espazos de lecer nas zonas nas que se está a intervir. Durante unha semana os e as artistas participantes estarán traballando en distintas localizacións, ás que os veciños, veciñas e visitantes poderán achegarse para apreciar a habilidade e todo o proceso artístico de cada obra.
Os artistas convidados, un a un
![Mural en Vigo Mural en Vigo](media/../media/img/0lula_350px.jpg)
Mural en Vigo
Lula Goce (Galicia): Rúa Igrexa. Nacida en Baiona e licenciada en Belas Artes, ten deixado a súa pegada artística en paredes de Alemaña, Italia ou Irlanda; pero tamén moi preto do seu lugar de nacemento, Baiona, con traballos en Vigo, Santiago ou Cambados; e, por suposto, noutros puntos de España como Murcia ou Valencia. O seu traballo artístico sempre estivo vinculado á arte urbana, con murais e intervencións efémeras en espazos públicos, fábricas ou lugares abandonados.
A súa obra tende a afondar no íntimo a partir do público, accións solitarias vinculadas á natureza, que mostra nas fachadas, na rúa, expostos á mirada de transeúntes e curiosos. A natureza humana e a vexetal únense como se fosen unha.
![Mural en Pozuelo de Zarzón Mural en Pozuelo de Zarzón](media/../media/img/pozuelo_zarzon.jpg)
Mural en Pozuelo de Zarzón
Daniel Muñoz "SAN" (Cáceres): Rúa Alfredo Brañas. Dende os seus comezos a súa obra foi marcadamente figurativa, xa que empezou a desenvolverse empregando, exclusivamente, o espazo público como soporte: facendo recoñecibles as súas mensaxes ao maior número de persoas posibles. A súa linguaxe está formada por símbolos e códigos que suscitan unha lectura coidada, entre a narrativa da pintura clásica e os discursos sociolóxicos da arte contemporánea.
Todas as súas obras obrigan a caer en interpretacións diversas e confusas, a pesar de narrar feitos e anécdotas cotiás, basadas nos tópicos máis mundanos. Durante os últimos anos realizou numerosas exposicións e intervencións en Europa, Norteamérica, Sudamérica, Rusia e Oriente medio.
![Iside, en Nápoles Iside, en Nápoles](media/../media/img/0Iside_Napoles.jpg)
Iside, en Nápoles
Bosoletti (Arxentina): Rúa Cristina. Criado en Armstrong, unha pequena vila da provincia de Santa Fe, Francisco Bosoletti mantén unha ollada pura e primixenia sobre a vida, a natureza e a humanidade. Baseado nun estilo clásico, o traballo de Bosoletti apóiase en simbolismos, en representacións humanas ou en fortes apelacións visuais. Bosoletti traballa con figuras en conxunto cos elementos da natureza, particularmente as femininas e os seus destinos.
Emprazados en Portugal, Alemaña, Italia ou a súa arxentina natal, entre outros moitos lugares, os seus murais evocan serenidade e pracer visual, pero implicando un espertar de conciencias. A consciencia de que a vida pasa pero sen saber moi ben o que nos concirne ou o que somos capaces de facer ou decidir por nós mesmos. A consciencia de que a vida debería ser unha constante loita influída sobre todo pola lóxica.
![Vida silvestre nos Peares Vida silvestre nos Peares](media/../media/img/14-doa-oa-reforesta-peares.jpg)
Vida silvestre nos Peares
Doa Oa (Galicia): Rúa Río. Doa Ocampo é unha creadora nacida no pobo soberino de Areas, en Lugo. Dende nena sempre lle gustou o debuxo, a pintura e a fotografía, entre outras disciplinas. Despois de realizar os primeiros estudos envorcouse de cheo para lograr unha formación especializada. Estudou o grao de Belas Artes e o de técnico superior en fotografía, formándose artísticamente entre Galicia, México e Portugal. A partir de aí comezou a súa carreira explorando diferentes facetas, e, no caso da arte urbana, ten pintado murais tanto no seu concello natal de Sober, como por toda a xeografía galega e española.
A creadora lucense ten recibido formación en Galicia, México ou Portugal tanto en Belas Artes como en fotografía. Na actualidade, a súa obra céntrase no proxecto Reforestando: pensando na transformación do espazo público, mediante a intervención mural “site specific” de temática vexetal, coa única ambición de facer renacer as zonas nas que actúa.
![Mural en Bulgaria Mural en Bulgaria](media/../media/img/bulgaria.jpg)
Mural en Bulgaria
Milu Correch (Arxentina): Rúa Vila de Laxe. Naceu, vive e probablemente morrerá en Bos Aires, Arxentina. Sempre garabateou máis alá das súas actividades principais e fai uns anos aprendeu a pasar pequenas imaxes a metros cadrados. Os muros fóronse agrandando e sumando, o que lle permitíu viaxar con brocha e rolo en man. Manchou paredes na súa cidade natal, outras cidades arxentinas e outras tantas doutro lado do océano. Agora segue pintando tratando de mellorar muro a muro, pincelada a pincelada.
A finais de 2017 a web holandesa Street Art Today escolleu unha das súas obras como un dos sete mellores murais do mundo do mes de novembro, o que catapultou a repercusión do seu traballo. Nos últimos tempos afirma que comezou unha serie de murais de bruxas... Haberá que ver se unha desas meigas aterra en Carballo.
Actividades paralelas
![Un dos traballos de Spok Un dos traballos de Spok](media/../media/img/spok.jpg)
Un dos traballos de Spok
- MASTER CLASSES
- Manexo do aerosol con Spok (29 e 30 maio). Licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. O seu estilo pictórico bebe directamente das trazas que adquiriu pintando graffiti nos 90: contornos, brillos, xogos de luces e sombras, cores saturadas e vibrantes que xeran atmosferas cheas de liserxia, espellismos e elementos que parece que perden a forza da gravidade. Os participantes da MasterClass poderán achegarse ás técnicas que diferencian e fan único a Spok.
DATAS: martes 29 e mércores 30 de Maio.
HORARIOS: De 10.00 h a 14.00 e de 16.00 a 20:30 horas.
LUGAR: por definir.
PRAZAS LIMITADAS: Só 12 prazas.
- Entender a Arte Urbana con Javier Abarca (31 maio e 1 xuño). Abarca é artista, investigador e docente especializado no graffiti e arte urbana. Figura principal da primeira xeración do graffiti español, impartíu entre 2006 e 2015 unha asignatura sobre graffiti e arte urbana na Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid en Aranxuez. Fundou a web Urbanario en 2008. Abarca é un especialista recoñecido na escena internacional e presenza habitual en congresos e festivais europeos. Chega a Carballo para impartir un seminario no que abordará os diferentes aspectos precisos para entender a Arte Urbana.
DATAS: xoves 31 de maio e venres 1 de xuño.
HORARIOS: de 17.30 a 21.00 horas.
LUGAR: Auditorio Fórum Carballo.
![Cestola na cachola Cestola na cachola](media/../media/img/cestola.jpg)
Cestola na cachola
- MICROCONFERENCIAS - 2 DE XUÑO
Conservación da arte urbana - Proxecto CAPuS: Teresa Rivas e Santiago Pozo son integrantes do grupo TEGRA do Departamento de enxeñería dos recursos naturais e medioambiente da Universidade de Vigo. Trátase dun proxecto con 17 socios de 7 países dentro da Unión Europea e o seu principal obxectivo é o desenvolvemento das directrices para a proteción da arte urbana.
Reforestando - Doa: Nesta conferencia Doa achegará o proxecto serial Reforestando ao público, explicando toda a filosofía intrínseca do mesmo e as súas experiencias ao longo dos anos e países polos que ten viaxado reforestando e reforestando.
Da arte urbana aos murais. Qué perdemos? - Javier Abarca: abordará os diferentes aspectos precisos para entender este fenómeno artístico dende a década dos 60 ata a actualidade e ademáis culminará este percorrido con esta conferencia. Abarca reflexionará sobre os últimos anos da evolución da arte urbana e establecerá as diferencias entre o que hoxe en día podemos chamar muralismo contemporáneo e a a arte urbana anterior.
![The Fabulous Resaca Brothers The Fabulous Resaca Brothers](media/../media/img/thefabulous.jpg)
The Fabulous Resaca Brothers
- MÚSICA EN DIRECTO - 2 DE XUÑO
The Fabulous Resaca Brothers (Blues Canalla): É unha banda cun repertorio principalmente centrado no blues eléctrico, con algunha incursión no soul. Os seus concertos son divertidos ao par que enerxéticos, traendo Chicago a este lado do Atlántico e precisamente a Carballo para que o público desfrute do blues máis canalla!
Mr. Fishman (DR.THINK) (Dj Set/Tropical FreeStyle): Dj dos grupos Telémaco e Safari Orquestra. Despois de actuar por algunhas das salas e festivais máis importantes de España (Fever, Sala Apolo, Sala Caracol, Reperkusion, Brincadeira, Sanfroidance, Eólica ou Freshweekend) e de contar co respaldo de medios como Radio3, Staff Magazine, Yodj ou Mondosonoro, actuaron no festival máis prestixioso do mundo "Sónar" en 2011.
- ROTEIRO GUIADO - 3 DE XUÑO
Na derradeira xornada do festival gozaremos dun roteiro guiado polos diferentes murais desta edición e das tres anteriores.
LUGAR DE SAÍDA: Fórum Carballo, Praza dos Bombeiros Voluntarios s/n.
HORA: 17.00 horas.
DATA: Domingo 3 de xuño.
ASISTENCIA GRATUÍTA
Arte dende todos os puntos de vista, para toda a cidadanía e cun especial fin de festa no Fórum Carballo. Vinde ao Rexenera Fest!