Galego con licenza Creative Commons
Convidamos a usar o galego libremente e en todos os ámbitos sociais: un galego sen cadeas, sen límites nin restriccións
Para corazóns contentos, para crebar cadeas, para compras e caprichos, para conxeniar e convivir, para cálidas cancións, para cafés e confidencias, para cabezas creativas, para cóxegas cómplices, para conversas cruzadas, para celebrar conquistas..., para cantas cousas! Para canto queiras podes usar e compartir a túa lingua, sen restricións, sen límites, sen dereitos reservados. A licenza do galego é libre, é CC, é Creative Commons, para que cada quen poida usalo onde e cando queira. Esta é a idea da campaña que acabamos de poñer en marcha para convidar a usar a lingua galega libremente en todos os contextos, en todas as situacións, por parte de xente de todas as idades.
Para iso enchéronse as rúas de bandeirolas e carteis e as redes sociais de imaxes, coa participación de moita xente de Carballo de diversos ámbitos e idades que se quixo sumar a este convite. Persoas como Alba Cotelo, todo creatividade; Ana Abelenda e Natalia Álvarez que son confidentes diante dun café; as rapazas e rapaces de Aula 11 coas súas cancións; Germán e Patricia que convidan a comprar no comercio local; Hadri Felpete e Isa Fernández, que queren crebar cadeas; Lili e Ali coas súas conversas cruzadas; Natalia, que celebra conquistas no deporte; Rosa Rial e Xan Fernández, que pasean pola praia os seus corazóns contentos; Santi Picos, Cristina Castro, Mon Lendoiro e Milagros Cotelo que conviven e conxenian; ou Xoan e Alberto Vecino coas súas cóxegas cómplices.
En todos os ámbitos
A campaña inclúe dez lemas diferentes con outros tantos deseños para reflectir e fomentar o uso do idioma
Un lote de xente de Carballo que quere convidar a usar o galego libremente para o amor, para o comercio, para a convivencia, para a música, para a creatividade, para a transmisión aos nenos e ás nenas, para o whatsapp, para o deporte..., para todo, sen límites, sen restricións! Por iso se fixeron dez deseños diferentes, a partir da idea inicial xa comezada o ano pasado, con dez frases referidas ao libre uso do galego noutros tantos ámbitos (e todas as frases con dúas palabras, e que comezan por CC, como Creative Commons, a licenza de libre uso; ou como Concello de Carballo).
Todas as persoas que queiran, de Carballo, de fóra, ou mesmo de fóra de Galicia que queiran coñecer ou empregar o galego, poden sumarse á campaña. Para iso só teñen que usar o galego libremente en cantas situacións e circunstancias queiran, sen límites de ningún tipo, pois temos unha lingua CC, unha lingua Concello de Carballo, unha lingua con licenza Creative Commons, unha lingua con licenza de libre uso.