Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Carballo, unhas praias de bandeira!

Compartir:

Carballo, unhas praias de bandeira!

O municipio consegue un ano máis o distintivo da Bandeira Azul, que desta volta ondeará nos areais de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal

Praia de Pedra do Sal

Praia de Pedra do Sal

Un ano máis Carballo acredita a calidade das súas praias. O Concello, ademais de contar cun dos areais máis extensos de Galicia, como é Razo; de ter a lagoa de Baldaio, espazo único no que acougar e un paraíso para a observación das aves; ou de ser un espazo protexido pola Rede Natura, entre outras moitas cousas; poderá presumir este ano 2018 de posuír de novo tres Bandeiras Azuis que ondearán en Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal. O Concello recupera o distintivo para Razo, que o ano pasado non puido lucir no areal, e mantén os correspondentes con Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal. Así vén de acreditalo a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) e a sección española da Federación Europea de Educación Ambiental, que avalían a calidade das augas e os servizos das praias en toda Europa.

Carballo recupera o distintivo para Razo e é un dos poucos concellos da zona que conta con ata tres bandeiras

Xa non tendes excusa para non vir a Razo, un dos areais máis concorridos da zona e que ofrece sol, baño, deporte e ocio, especialmente no eido do surf. É unha desas praias que non se esquece porque desprende o recendo e a enerxía do mar aberto ao Atlántico. De douradas areas e conmovedores solpores, conta cunha gran riqueza natural e paisaxística.

Limpeza e servizos para os visitantes

Tampouco podedes escapar de Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal, situadas nun dos espazos naturais de maior valor ecolóxico de Galicia. Centos de paxariños teñen na zona a súa parada e fonda, nunha paisaxe composta por mar, lagoa, marisma e praia. E por suposto, cun cordón de máis de tres quilómetros de dunas (algunhas delas de até 20 metros) que une Baldaio coa praia de Razo.

Aproveita a pureza das súas aguas, a diversión das súas ondas, a soidade e tranquilidade das súas zonas máis afastadas coa garantía de estar nun lugar limpo, espectacular e con todos os servizos que fan que Carballo teña praias de bandeira!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica