Carballo a un paso

Inicio // Que facer // Rutas // Ruta dos murais

Compartir:

Ruta dos murais

O primeiro mural, na primavera de 2014, foi o realizado pola italiana Roberta Venanzi e a manchega Paula Fraile

[Mapa online: https://goo.gl/6X5zep]

Derrubando Muros con Pintura, a iniciativa de arte urbana que está a converter a capital bergantiñá nun auténtico museo ao aire libre, quere curar con creatividade as feridas urbanísticas que, ao igual que en tantas vilas galegas, deixou o crecemento urbano de partir dos anos 60. Xa pasan dos cincuenta os traballos de divers@s artistas internacionais, nacionais e locais que derruban muros con pintura en Carballo.

Mural de Bordalo II

Obra do portugués Bordalo II no Fórum

O portugués Bordalo II, o italiano Pixel Pancho, o galego de adopción Nómada, e mais os recoñecidos Aryz e Dulk deixaron na nosa vila as súas creacións, nos prolegómenos deste verán, para o Rexenera Fest, o primeiro festival de arte pública de Carballo. Ademais, as artistas da zona Cristina Castro, Alejandra Martínez, Laura Tova, Rachelle Cavallo e Lola Oviedo trouxeron os aires da costa á vila dentro do programa "Carballo, mirando ao mar".

Dende o primeiro mural que, na primavera de 2014, inauguraron a italiana Roberta Venanzi e a manchega Paula Fraile, son xa ao redor de trinta os murais que sorprenden ao/á transeúnte nos máis diversos puntos da vila. Velaquí unha sintética guía práctica para visitalos.

O mural inaugural

Mural inaugural Derrubando muros

A obra inaugural, na rúa do Sol

O primeiro dos murais do Derrubando Muros con Pintura foi iniciado en outono de 2013 polas coordinadoras do proxecto. Querían conseguir un resultado que se identificara coa vila, que o poideramos sentir como próximo, e que non fora agresivo. Por iso, decidiron comezar, con humildade, non polo centro da vila, senón polos barrios que lle dan entrada. O mural da rúa do Sol representa a vexetación carballesa e ten no seu centro unha folla de Carballo. Recibe así ao/á visitante, que chegue á vila dende Compostela, Fisterra ou Ordes, cun saúdo cheo de cor e positividade. Esquina da Rúa do Sol con Vila de Negreira.

Paula Fraile: húmida psicodelia

Mural Paula Freire

Mural de Paula Fraile, na zona de Catro Portas

Trala inauguración do primeiro mural, ás coordinadoras do proxecto tocoulles camiñar por separado e encagarse así mesmo da organización dun numeroso equipo de artistas que, na primavera, se uniron á iniciativa. A manchega Paula Fraile traballou con esmero e con todo detalle no lateral dun edificio da zona de Catro Portas, nunha das principais saídas de Carballo á Coruña. Aproveitou as manchas de humidade da parede para integralas no mural, ao igual que conservou os vellos murais publicitarios que colgaban da mesma. No verán, extendeuno a unha parede contigua, consevando o espíritu psicodélico, mais con formas máis amplas. Nas zonas máis húmidas da parede, aquelas ás que a humidade probabelmente volverá, fixo chorrear a cor, como se fora sangue, para simbiotizarse con ela. Rúa Baixa.

Roberta Venanzi: harmonía clásica

Mural de Roberta Venanzi

Roberta Venanzi, na estación vella de autobuses

A italiana Roberta Venanzi trasladouse na primavera á traseira da vella estación de autobuses. Aproveitou os módulos nos que está dividida a parede a modo de fiestras, botando man de cores primarias e fortes e da combinación de figuras xeométricas e formas máis fluídas, de forma harmónica e respectando o entorno. No verán, ampliouno á parede contigua. Conservou a harmonía co anterior, mais buscou o contraste nas cores empregadas. Traseira da antiga estación de autobuses. Rúa Arcebispo Romero Lema.

Cambón e Andrade: Na escola de Arrabales

Detalle na escola unitaria de Arrabales

Detalle na escola unitaria de Arrabales

Lidia Cambón e Andrés Andrade tiveron por cometido darlle nova vida á escola unitaria de Arrabales. Pintaron a  súa fachada con motivos de inspiración infantil e cheos de corido.
"Para nós, para os artistas locais, é unha oportunidade para que se nos vexa". Lémbranos Lidia a importancia da arte na rúa en cidades como Londres ou Berlín para reafirmar que este será un proxecto que sitúe a vila na vangarda. 
O mural está situado no parque do barrio de A Milagrosa, nº 9.

Cristina Castro: evocación infantil

Cristina Castro na Milagrosa

Cristina Castro, na Milagrosa

Moi preto de Lidia Cambón, tamén no barrio da Milagrosa, traballou, pincel en man, Cristina Castro, quen cubriu as paredes do baixo dun edificio da zona cun mural de motivos infantís.
Na obra de Castro, unha cativa lanza, a un despexado ceo azul, pompas de xabón que encerran bolboretas. Un mural cheo de imaxinación e encanto. Barrio de A Milagrosa, nº 15.

O guitarrista de Eva Facal

Eva Facal na Rúa do Sol

Eva Facal na Rúa do Sol

A artista Eva Facal tróuxonos á rúa do Sol un novo habitante, un mozo tocando a guitarra, cun canciño aos seus pes, debuxado en sutís liñas azuis sobre un fondo marelo.
O mural está situado preto do Museo de Bergantiños, no lateral dunha desas casiñas que aínda dan testemuño do que era Carballo hai medio século.

A imaxe sorprende polo seu encanto e a súa delicadeza, pola evocación, quizais dun espírito mozo e libre, coa música como gran protagonista muda. Rua do Sol, nº 3.

O mundo circense de Emi de las Heras

Emi de las Heras na rúa Baixa

Emi de las Heras, na rúa Baixa

Emi de las Heras traballou no número 11 da rúa Baixa. Un grupo de acróbatas protagonizan o seu mural, unha imaxe sutil, hetérea, sinxela, delicada, de influencia minimalista, e inspirada no mundo do circo.
A autora quixo amosar as dobrezas deste universo, feliz de cara ao público mais tamén un mundo de enganos que se agochan detrás dese espectáculo de fascinante ledicia.  R/ Baixa.

O universo naif de Mon Lendoiro

Mon Lendoiro na biblioteca Rego da Balsa

Mon Lendoiro, fronte á biblioteca Rego da Balsa

O artista carballés Mon Lendoiro, que ten na vila a galería de arte Garabato, empregou como  lenzo unha parede próxima á nova biblioteca de Carballo, a do Rego da Balsa.

Liberdade é o que transmite a moza en motocicleta e o mozo en bici que protagonizan a súa creación, que nos evoca o universo naif e de reminiscencias infantís ao que gusta de viaxar o artista, un dos máis implicados no colectivo de artistas carballeses/as, Crea Formas.

Llorente e Fernández: Carrapuchiña feroz

Llorente e Fernández na traseira da ludoteca

Llorente e Fernández na traseira da ludoteca

Non podía haber motivo máis acaído que un conto infantil para o edificio da actual ludoteca, que foi construído como cole nos anos 20 do século pasado. Susana Llorente e Carlos Fernández ofrécenos unha carrapuchiña distinta, que se pon mesmo a carauta de lobo e que, rachando cánones, deixa de ser vitima a pasa a ser ela a feroz. 
O mural segue unha estética moi ilustrativa, que ten reminiscencias dos debuxos para contos infantís. Está cheo de mensaxe, tanto que mesmo recolle uns versos de Luís Seoane. R/Alcalde Jacinto Amigo Leira.

Tova: e da parede saíu don Oso

Eva Tova na Vázquez de Parga

Eva Tova na Vázquez de Parga

Un gran oso que semella saír da propia parede é o protagonista do mural de Laura Tova. O traballo, de carácter tamén ilustrativo e narrativo, destaca pola habilidade coa que a artista integrou o debuxo coa textura da parede que, de feito, mantén a súa apariencia orixinal, sen ter sido branqueada. 

Tal é así que semella que o oso, branco como a cor da pureza, emerxe da propia parede para saúdar un novo día. R/ Vázquez de Parga.

O máxico mundo de Alejandra Martínez

Alejandra Martínez na Vila de Noia

Alejandra Martínez na Vila de Noia

É este un traballo detallista e evocador, que nos leva a unha frondosa fraga, tal vez encantada. O río alimenta a árbore que lle fai a unha cativa de bambán. No chan, froitas prohibidas que xa foron comidas. Mentres, unha anciá semella estar a besbellar unha advertencia, ou tal vez un consello. Unha evocación da vida mesma. 
O traballo incorpora elementos alleos á pintura, como a madeira coa que se constrúe a fiestra da casiña da árbore. R/ Vila de Noia.

Kawa: Dende Xapón, figurativo e abstracto

Elin Kawa na Alfredo Brañas

Elin Kawa na Alfredo Brañas

A artista xaponesa Elin Kawa deixou a súa pegada noutra das escolas históricas de Carballo, a de Pacita. Un cervo é o elemento central do mural, cuns grandes cornos que medran ou minguan segundo se proxecte neles a sombra da palmeira que está xunto á escola. 
Cores fortes e vivas visten o debuxo, no que se mestura pintura con spray e con outros elementos. R/Alfredo Brañas.

Singh: Recordos felices

Singh na rúa Alcalde Jacinto Amigo Leira

Singh na rúa Alcalde Jacinto Amigo Leira

O da artista india Shamia Singh, máis que un mural, foi un proxecto, unha iniciativa construída, literalmente, cos recordos felices das e dos carballeses que llos quixeron transmitir á artista para que deixara pegada deles na parede. 
Shamia Singh creou un blog para recadar, a partir del, as lembranzas fermosas das xentes de Carballo. Conseguíu un mural con vida propia, que mesmo se ía modificando en función do que as persoas lle comentaban. Rúa Coruña, 6.

Picos: Unha inmensa caracola

Picos no lateral da vella escola Leus

Picos no lateral da vella escola Leus

Santi Picos, un dos varios artistas carballeses participantes, foi o encargado de pintar unha das paredes do vello e inmenso edificio da escola Leus, coñecida por moitas e moitos dos que foron nen@s nos 60 como "a de Pallas". Leva anos baleira, cargando cos recordos de infancia de tantos carballeses e carballesas. Picos optou por debuxar unha gran caracola, unha imaxe que evoca a vertente mariña de Carballo, cuxo litoral está encravado na Costa da Morte. R/ Gravador Manuel Facal.

Taracido: Xogo de azuis

Taracido no lateral da vella escola Leus

Taracido no lateral da vella escola Leus

Á beira do traballo de Santi Picos, nunha parede xemelga, érguese o mural de Antón Taracido, unha cara de muller de gran tamaño. O mural foi pintado tamén na primavera de 2014, como o de Santi Picos. Destaca nel a habilidade no emprego da cor,  pois emprega unha soa gama, os azuis, e consegue así, malia á dificultade que implica, un resultado evocador. R/ Gravador Manuel Facal.

Mou: Baixo as augas

Mou na rúa Fábrica

Mou na rúa Fábrica

O grafitteiro Mou, do grupo Desordes Creativas,  iniciativa de arte urbana nacida no concello próximo de Ordes, fixo emerxer, do lateral edificio que fai esquina entre as rúas que van a Malpica e a Sísamo, un gran buzo. O seu é pura creación graffitteira, con influencias da banda deseñada, o que o diferencia de boa parte das e dos creadores que participan no proxecto, que están máis ligados ao mundo pictórico. Esquina entre a Avenida das Flores e a r/Fábrica.

Sokram: metáfora sobre a creación artística

Sokram no Pazo da Cultura

Sokram no Pazo da Cultura

O creador Sokram conta con delongada experiencia neste ámbito. Dende hai anos, é un dos organizadores do festival de arte urbana "Desordes creativas", na localidade veciña de Ordes. A el encargóuselle darlle nova vida ao lateral dun dos nosos edificios máis emblemáticos, o Pazo da Cultura. E fíxoo cun mural que foi concibido no maxín do pintor como unha metáfora ao redor do mundo da creación artística. Aínda que, advirte, o significado final queda aberto á interpretación de cadaquén. Sabido é: todo depende dos ollos cos que te miren. Na arte urbana tamén.

Nana: Miradas profundas como o mar

O mural de Nana na rúa Ponte

O mural de Nana na rúa Ponte

Foi este, o da rúa Ponte, o mural número 20 do Derrubando Muros con Pintura. A expresividade da mirada e o poder sensorial da auga destacan neste mural de Nana, confeccionado con pintura plástica. De nome Diana Rodeiro, Nana é membra do colectivo que organiza o festival de arte urbana DesOrdes Creativas no veciño concello de Ordes.

Bordalo II: Facer da arte lixo

Bordalo II no Fórum

Bordalo II no Fórum

"O lixo de um homem é o tesouro do outro". Con esta premisa como lema, o portugués Bordalo II distínguese pola súa mestría á hora de facer arte con materiais de refugallo. Vellas pezas dun coche servíronlle, en Carballo, para crear este fermoso verme que, dende entón, non se se separa deste lateral do edificio Fórum. A peza forma parte da súa serie "Big trash animals". O xogo cos verdes do edificio e cos planos das dúas paredes que contribúen a darlle relevo á figura convértena nunha peza por completo integrada coa contorna. A súa é unha crítica á sociedade de consumo e o monte exponencial de lixo que xera sen parar.

Nómada: Homenaxe ás mulleres galegas

Mural de Nómada na r/ Fomento

Mural de Nómada na r/ Fomento

Ao longo da historia foron moitos os pesos, físicos e tamén metafóricos, que as mulleres galegas cargaron sobre os seus ombros. Cestas de peixe, leiteiras, feixes de herba, bolsas da compra, mercadorías da feira, ou o gran peso da vida sobre as súas costas. Nómada, andaluz de nacemento e galego de adopción, quixo homenaxealas neste mural, pintado sobre o Anllóns ao seu paso pola rúa Fomento. Inspirouse na lenda da Pedra da Moura de Aldemunde, segundo a cal as pedras do dolme foron carrexadas por unha moura ao mesmo tempo que aleitaba e fiaba.

Dulk: Cor e compromiso

O mural de Dulk no Forum

O mural de Dulk no Forum

Tras un estilo agradábel e unha estética tenra e chea de cor, influenciada pola ilustración infantil e obsesionada pola representación da natureza, as obras de Dulk encerran unha mensaxe de fondo compromiso medioambiental. 
Considerado un artista emerxente no eido internacional, despois de Carballo tiña en Estados Unidos e Suecia as súas seguintes paradas.

Aryz: o mural envolvente

O mural de Aryz no Forum

O mural de Aryz no Forum

Malia á súa xuventude, Aryz é unha das figuras máis recoñecidas do eido internacional neste ámbito artístico. É o seu un estilo introspectivo, de grandes figuras e cores pasteis e desaturadas. Quere así que a súa obra non destaque sobre o entorno, que sexa a propia persoa quen saia á procura da obra e non ao revés. A Carballo veu atraído pola posibilidade de pintar tres das paredes dun lateral do Fórum que se miran entre si. "É como se o mural te envolvese", manifestaba a Turismo Carballo.

Pixel Pancho: Do animal ao robot

Detalle da obra de Pixel Pancho

Detalle da obra de Pixel Pancho

Foi o de Pixel Pancho, sen dúbida, un dos murais que máis deu que falar, quizais porque foron tres porquiños, e non outros animais de mellor reputación estética, os escollidos para a súa parede na rúa Gran Vía. Caracterízase o italiano por incluír nas súas obras figuras robotizadas.
Así o fixo tamén en Carballo, nunha crítica á deshumanizacion da industria agroalimentario e ao maltrato que nela se fai a uns animais que son considerados unicamente pola súa capacidade produtiva, sen maior consideración ás súas condicións de vida.

Rachele Cavallo: Mitoloxía oceánica

Detalle do mural de Rachele Cavallo

Detalle do mural de Rachele Cavallo

Serpentes mariñas, sereas ou ameazantes polbos xigantes son algún dos seres mitolóxicos que habitan no mural da artista italiano-galega, Rachele Cavallo, nun dos muros do CEIP Bergantiños.
Formas redondeadas, cores suaves e estética infantil, nunha paisaxe de acantilados que lembran o litoral entre Razo e Malpica, e na que destaca unha das estampas máis fermosas do día en Razo: o solpor.

Cristina Castro: Nos fondos mariños

Cristina Castro no CEIP San Luís Romero

Cristina Castro no CEIP San Luís Romero

Coa superficie rebelde e rugosa do bloque dun dos muros do CEIP San Luis Romero tocoulle pelexar a Cristina Castro. A artista recunca na estética infantil, ao igual que xa fixo no anterior mural que elaborou para o Derrubando Muros con Pintura que se pode visitar nun dos baixos do barrio da Milagrosa. Con cores planas e fortes fainos mirar baixo o mar, cunha escena onde conviven peixes, cabaliños de mar, nenos buceando e mesmo un submariño.

Alejandra Martínez: os sereos do mar

Detalle do sereo de Alejandra Martínez

Detalle do sereo de Alejandra Martínez

A artista xa se encargara, no verán de 2014, do mural que decora unha das esquinas do pavillón Vila de Noia. Esta segunda obra deAlejandra Martínez para o Derrubando muros con pintura está a apenas uns metros do anterior, no mesmo lateral do pavillón Vila de Noia. A súa última creación busca o contraste coa primeira: unha escena de mar, non de bosque, protagonizada por unha figura masculina, un vello sereo, fronte ao protagonismo feminino do anterior mural.

Laura Tova: As marismas de Baldaio

Laura Tova no Colexio Fogar

Laura Tova no Colexio Fogar

Laura Tova, que xa participara no Derrubando Muros con pintura no verán de 2014 co mural do oso da rúa Vázquez de Parga, retratou desta vez unha das súas paisaxes favoritas, a das marismas de Baldaio, recoñecida pola Unión Europea como Rede Natura e área ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves). 
Tova traballou en formato vertical nunha das paredes externas do CEIP Fogar, nunha obra que pretende poñer por en valor a riqueza natural da zona.

Emi de las Heras: Visión nocturna

A obra de Emi de las Heras en proceso

A obra de Emi de las Heras en proceso

Do colorido que caracteriza o seu primeiro mural para o Derrubando Muros, dedicado ao mundo do circo, Emi de las Heras cambiou de rexistro nesta obra pintada sobre fondo negro na fachada da parte máis recente do IES Alfredo Brañas, na avenida Bergantiños.
De las Heras quixo representar así, cunha imaxe poética e contemplativa, as sensacións que o mar evoca pola noite. Son as súas formas sinxelas con cores potentes e protagonismo do debuxo xeométrico.

Lola Oviedo: A ollada minimalista

Lola Oviedo no pavillón Carballo Calero

Lola Oviedo no pavillón Carballo Calero

Lola Oviedo naceu e vive en Caión. Dende alí pode ver o mar a diario e os barcos que, por esta nosa autoestrada oceánica, se dirixen aos máis distintos confíns. O que non pode ver, porén, é a costa carballesa, Razo e sobre Baldaio, a quen considera o noso Serengueti. Con liñas minimalistas, no seu mural, nas paredes do pavillón Carballo Calero, representa a vista da costa carballesa dende un punto elevado, poñamos por caso o Monte Neme. Á esquerda, en gris, o porto de Malpica. Á dereita, Caión. No medio, a lagoa de Baldaio, en forma de peixe color area.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica