O FIOT 2017 incrementa a súa aposta pola creación e por novos espazos como o Microteatro Metro Cadrado
O programa inclúe 34 obras, 3 coproducións, 7 estreas absolutas e 7 estreas en Galicia
Presentación da obra "Muinada", da compañía carballesa Galeatro
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) celébrase este ano, o da súa 26ª edición, entre o 22 de setembro e o 28 de outubro, cun pequeno anticipo para os máis cativos o 16 de setembro, data na que terá lugar a estrea absoluta de Muiñada, da compañía local Galeatro, e unha das coproducións do FIOT 2017.O cartel deste ano ofrece 34 obras, 3 coproducións, 7 estreas absolutas e 7 estreas en Galicia nas modalidades de programación de sala, Ciclo OTNI, Rúas dos Contos, Microteatro e Fiotiño. Isto compleméntase con actividades paralelas como a Escola do Espectador, o Café con, o Teatro de Rúa, a exposición Zoom FIOT, o Dálle un Bocado e diversos obradoiros de participación. A presenza internacional está representada por compañías e artistas procedentes de Reino Unido, Bélxica e Portugal.
Certame Microteatro Metro Cadrado (M²)
Este ano o festival ten entre os seus principais eixos a creación artística, xa que participa en tres coproducións, todas elas cun carácter moi diferencial. Así, con Muiñada, acompaña no seu primeiro gran proxecto á primeira compañía profesional de Carballo, Galeatro. No segundo caso, colabórase cunha compañía de fóra de Galicia da que o festival fai un seguimento desde hai anos, Atresbandes, que representará La última cena. E a terceira é Fillos do sol, da man de Contraproducións, cuxo equipo é un incondicional do FIOT e que este ano presenta un proxecto moi vinculado á comarca de Bergantiños, xa que conmemoran o centenario do falecemento de Eduardo Pondal, para o que tamén se conta co soporte da Fundación que leva o nome do poeta galego.Nesta edición os organizadores tamén apostan de forma decidida polo apoio aos creadores emerxentes, o que se traduce na aparición de novos formatos como o Certame Microteatro Metro Cadrado (M²), que estende o teatro a outros espazos fóra de sala e busca novas vías e discursos para chegar a un espectro máis amplo de público.
Cartel do FIOT 26
O auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acollerá algúns dos directores teatrais de referencia do momento na escena española, como Pablo Messiez, Alfredo Sanzol, Yayo Cáceres, Mario Gas e Miguel del Arco. Entre os galegos, destaca o dramaturgo e director de referencia Cándido Pazó, así como Tito Asorey, un dos directores que está destacando nos últimos anos na nosa comunidade. Todos eles traen varias das estreas absolutas e das inéditas en Galicia que inclúe o programa desta edición.O OTNI é outra das grandes apostas deste ano, xa que inclúe no seu programa dúas estreas en Galicia e unha estrea absoluta de carácter internacional. Neste apartado do festival gaña gran relevancia a participación do público, que se converte no indiscutible protagonista.Por todas estas actividades, o festival consolídase como o corazón do teatro en Galicia (representado no cartel deste ano), o que explica a imaxe desta edición e o lema “All you need is FIOT”, que resume esa necesidade de teatro do mesmo xeito que as persoas precisamos do sangue que bombea o corazón para vivir.
Nuria Espert e Fran Perea, entre os rostros miás populares
Un dos pratos fortes desta XXVI edición é a representación de Incendios, das compañías Ysarca e Teatro de la Abadía, na que participa Nuria Espert, a gran dama do teatro español e recentemente recoñecida co Premio Princesa de Asturias das Artes.Outro dos rostros máis populares das artes escénicas españolas que estarán presentes no FIOT é Fran Perea, que repite con Feeldgood Teatro por segundo ano consecutivo e que se subirá ao escenario do Pazo da Cultura coa estrea en Galicia de El ciclista utópico.A actriz Mónica Caamaño foi elixida nesta XXVI edición como Xograresa de Outono 2017 pola súa intensa e diversa traxectoria e compromiso activo co sector cultural, cuxa carreira transcorre entre o teatro, o cine e a televisión.
Venda de entradas
O 6 de setembro abriuse a venta de bonos para os socios da AC Telón e Aparte, quen puideron mercalas ata o día 12 dese mes. Dese o 13 de semtiembre a venda de bonos estivo dispoñible para o público en xeral. No caso das entradas soltas para a programación de sala, Ciclo OTNI e sesión dobre no Mercado, poden adquirirse por internet desde o 13 de setembro ata o día antes de cada función ou de forma presencial na billeteira do Pazo da Cultura nos 90 minutos previos ao inicio da representación. As entradas dos espectáculos interpretados en locais de hostalaría, como é o caso da Rúa dos Contos, poden mercarse nos propios establecementos a desde o 15 de setembro
A venda de entradas está dispoñible en internet a través da plataforma www.ticketea.com, na web oficial do festival www.fiot.gal e da súa páxina de Facebook. Tamén poden adquirirse de forma anticipada no teléfono 902 044 226 e na billeteira do Pazo da Cultura o mesmo día da función.
Máis información sobre a venda de entradas aquí.