Carballo por Etapas adianta o inicio da temporada de verán para o sector da hostalaría
Representantes do Concello de Carballo, Axober, empresas colaboradoras e establecementos participantes presentaron a quinta edición da ruta
Luciano Calvo, Isidro Varela, Xosé Regueira, Evencio Ferrero e Raúl Cantorna, na presentación
Agora si que empeza a conta atrás para Carballo por Etapas. Hoxe reuníronse no Fórum Carballo representantes do Concello, de Axober, das empresas colaboradoras e dos establecementos participantes para presentar a quinta edición dunha ruta de tapas que xa é un referente dentro e fóra do noso concello. Este ano cunha imaxe renovada que se traslada ao cartel e tamén aos premios que poderán conseguir os clientes dos 18 locais coas súas tapas: libretas, chapas, abridores de botellas e bolsas de tela son algunhas das novidades que se agochan nos boletos xunto coas clásicas botellas de viño ou, este ano tamén, copas para degustalo.
![Carballo por Etapas 2017 Carballo por Etapas 2017](media/../media/img/01.png)
Cartel do Carballo por Etapas 2017
Carballo por Etapas contribúe, como destacou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, a anticipar o verán para o sector da hostalería, do mesmo xeito que outros eventos promovidos tamén dende o Concello de Carballo están a conseguir que se alongue máis alá do mes de agosto. “Eu creo que para a poboación en xeral é positivo, pero para o sector hostaleiro en particular é moi positivo”, sinalou, sobre todo se despois destas dúas fins de semana que se aveciñan os datos demostran que foi posible xerar unhas boas expectativas económicas para o sector.
Colaboradores
Con Xosé Regueira sentáronse na mesa do auditorio o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o presidente e o secretario de Axober, Isidro Varela e Raúl Cantorna, e Luciano Calvo, conselleiro delegado do Grupo Calvo, que un ano máis colabora con Carballo por Etapas, xunto con outras empresas como Bodegas Carballo, Proquiber, Distribucións Cotelo, Disboa e Exclusivas Rivas Suárez. Todas son importantes, dixo o alcalde, pero quixo aproveitar o acto para expresar o seu agradecemento ao Grupo Calvo, “porque xusto é recoñecer, como carballeses, carballesas, como persoas que aquí decidimos vivir, que moita da actividade que se realiza no noso concello, cultural, deportiva e mesmo social ou económica, como é este caso, é posible porque hai unha empresa que ten a responsabilidade social corporativa moi clara e sempre aposta por Carballo”.
A quinta edición de Carballo por Etapas arrancará o venres 26 pola tarde coa saída do tren turístico cedido polo Concello de Cabana de Bergantiños, e que, como é habitual, fará un percorrido polos 18 establecementos participantes: A Barra Bar, A Cervecería de Luis, A Nova Ferradora, Cerveceria A Tapería (antes Cafés A Cafeteira), cafetería Abastos, café bar Embajador, cafetería bar Ginebra, cafetería Habanos 79; cervecería Ágora, cervecería Dublín, cervecería La Bombonera, mesón A Cabaña, mesón As Viandas, restaurante El Hórreo, restaurante Mesón do Pulpo, restaurante vinoteca A de Pako, taberna O Mexillón e trattoría pizzería Vesuvio.