Creatividade e produtos galegos son os principais ingredientes do III Curso de Elaboración de Tapas
A iniciativa da Concellería de Promoción Económica constará de dúas sesións formativas no Fórum impartidas por Kike Piñeiro e Eloy Cancela, do restaurante compostelán A Horta do Obradoiro
Evencio Ferrero visitou aos participantes no curso
Boliño de castañas con rixóns e Arzúa, xurelo con pementos asados agripicantes, ovo de mar con ourizo, canelón de rabo de vaca, ñoquis con mexillóns e Cebreiro con chocolate foron as receitas que elaboraron os e as participantes na primeira das dúas xornadas do 3º Curso de Elaboración de Tapas organizado pola Concellería de Promoción Economica. Claro que con "profes" como Francisco Kike Piñeiro e Eloy Cancela, do restaurante compostelán A Horta do Obradoiro, resulta moi doado sacarlle o máximo partido aos nosos produtos tradicionais. Nesta primeira sesión os/as hostaleiros/as recibiron a visita do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que, aínda que non puido quedarse a probar as tapas, recolleu as valoracións dos/as participantes, moi boas por certo. E o luns 15 de maio, a segunda sesión.
Un dos pratos elaborados na primeira sesión do curso
Carballo por Etapas non é unicamente unha ruta de tapas, senón tamén un escaparate para os 18 locais de hostalaría que a integran nesta edición. Ofrecer a mellor imaxe posible do sector, dotando aos profesionais dos coñecementos gastronómicos necesarios para que poidan ampliar a súa oferta de tapas baseadas nun tratamento sinxelo e innovador dos produtos autóctonos, é o principal obxectivo do Curso de Elaboración de Tapas.
Máis receitas da primeira xornada
En liñas xerais, o curso pretende mellorar a calidade gastronómica dos negocios de restauración, modernizar a cociña local, reforzar Carballo por Etapas como un evento importante para o sector, fomentar a cultura do tapeo, promover a especialización na elaboración de determinadas receitas por parte de cada un dos establecementos participantes, asesoralos de cara a futuras accións e buscar a tipoloxía de tapas que mellor se adapte a cada local.Kike Piñeiro, na cociña do Fórum Carballo.
Kike Piñeiro e Eloy Cancela
Boa parte dos/as participantes volven a traballar con Kike Piñeiro, que xa impartiu o curso do ano 2015. Estamos a falar, no caso de Piñeiro, dun chef de prestixio, como demostrou conseguindo o Premio Nacional de Gastronomía no anos 2011, despois de ter colaborado en numerosos paradores e traballado en distintas cidades. O estilo actual de Kike Piñeiro está centrado na cociña tradicional galega, influenciada polas tendencias internacionais e polas múltiples experiencias persoais do chef. Xunto a Eloy Cancela forma o equipo director da Horta do Obradoiro, en Compostela, e colaboran con iniciativas de coñecemento e mellora da cociña galega como a Festa do Marisco, PescadeRías, Galicia Calidade ou Mel de Galicia.