Carballo a un paso

Inicio // Artigos // 35 webseries de todo o mundo compiten na sección...

Compartir:

35 webseries de todo o mundo compiten na sección oficial do IV Festival Carballo Interplay

O público poderá ver unha selección de propostas de Alemaña, Australia, Arxentina, Canadá, Chile, Estados Unidos, Israel, Nova Zelandia, Reino Unido, Ucraína e, por suposto, España

Galicia Crime

Galicia Crime é unha das series galegas a concurso

35 webseries de todo o mundo competirán na sección oficial da cuarta edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de maio na vila coruñesa e que repartirá máis de 5.000 euros en premios. O comité de selección, conformado por seis persoas de diferentes ámbitos do sector audiovisual e da rede elixiu, entre máis de 146 propostas chegadas de todo o mundo, un total de 5 webseries galegas, 12 do resto do Estado e 18 do resto do mundo. Entre as internacionais hai webseries de Alemaña, Australia, Arxentina, Canadá, Chile, Estados Unidos, Israel, Nova Zelandia, Reino Unido e Ucraína. 30 delas competirán polo premio á mellor webserie de imaxe real e 5 ao de animación, 18 ao premio á mellor webserie internacional e 6 á de versión orixinal en galego.

O Humor é protagonista: 25 das 35 webseries finalistas son comedias

O Carballo Interplay ofrecerá, así, unha completa panorámica do que se está cocendo no mundo das webseries a nivel global. Como vén sendo habitual nas últimas edicións, o humor terá unha presenza abafadora (25 das 35 webseries finalistas son comedias), pero as temáticas son moi variadas: ciencia ficcción, horror, aventura, sátira política... Tamén haberá oco para o drama, o documental e o thriller. E, por suposto, un amplo abano de mesturas e experimentos formais e conceptuais, tan propios do sector máis atrevido e imaxinativo do audiovisual contemporáneo.

Psicosomática

Imaxe da serie arxentina Psicosomática

As 35 webseries finalistas proxectaranse en seis bloques -un de versión orixinal en galego, tres internacionais e dous do Estado- nas tardes do xoves 4, do venres 5 e do sábado 6, no Auditorio de Carballo. Cada bloque terá unha duración de entre unha hora e unha hora e cuarto e a entrada, como en todas as actividades do Festival, é libre e gratuíta ata completar aforamento.

As finalistas

Finalistas Internacionais CIP 2017

Algunhas das webseries estranxeiras finalistas

As finalistas galegas: Galicia Crime, Antolepsia, Dalle Jas! (2T), As aventuras de Po e Teño unha horta en San Sadurniño.
As finalistas españolas: El show de Teresa Cuesta, Beto, Caniville, Cómo dejar los porros, Carlinos. La webserie, Judge Dredd: Superfiend. A todo riesgo, Lara Love, Pésame Street, Briget Jon de Triana, Te Quiero, yo tampoco e El Partido 2.
As finalistas internacionais: Tube Heads, Midnight Miracle, AFK, Camila no tiene un plan, Boy Scauts, You're the next, Dang It To Heck!, Amy Street, Discocalypse, Si me volviera a enamorar, 5baksiv.net, Piscóticas inseguras, Waiting on Sound, Convos with my 2 years old, Behind The Blinds AKA Filmmaking 101, Psicosomática, Depto e The Dump / La Dump.

O xurado

As seis persoas encargadas de elixir as webseries gañadoras serán a guionista Isa calderón que se fixo popular coas súas "Reviews fuertecitas"; o pioneiro das webseries españolas Rubén Ontiveros, creador de "Que vida máis triste!"; o director de series de TV, curtametraxes e videoclips Javi Camino, colaborador habitual de medios dixitais como Tentaciones, Vice ou Notodo; a directora e realizadora Giselle Llanio, actualmente a cargo da exitosa serie da TVG "Pazo de Familia", en representación da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia; e o guionista e xestor cultural Javier Trigales, que traballou durante varios anos en programas punteiros de TV como "El Intermedio" e "Se lo que hicistéis", en representación da Asociación Galega de Guionistas. O resultado da súa deliberación coñecerase na gala de clausura, conducida polo actor Sergio Zearreta, o sábado 6 ás 21h30, no Auditorio de Carballo.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica