Editamos un caderno de debuxo para colorar os murais de Derrubando muros con pintura
A tiraxe é de 3000 exemplares, que se poden retirar de balde no Museo de Bergantiños
Caderno para colorar os murais de Derrubando muros con pintura
A arte urbana de Carballo brinca de novo das paredes ao papel. Se no pasado Nadal editabamos Carballo: derrubando muros con pintura, un libro de relatos relacionados co street art da nosa vila, hoxe presentamos outro traballo que ten que ver co noso proxecto máis internacional: un caderno de debuxo para colorear reproducións dos murais carballeses e máis un marcapáxinas. No acto, que se celebrou na casa do concello, participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Turismo, Xose Regueira; e as técnicos desa concellería, Maite Parga e Patricia Mañana. Fixemos unha tiraxe de 3.000 exemplares, que se repartirán de balde no Museo de Bergantiños, para que os nenos teñan unha ferramenta para traballar sobre todo nas aulas e na casa, e para que sigan relacionándose coa arte dunha maneira satisfactoria pero tamén natural. E é ademais un regalo e un recordo que ofrecer á xente que chega a Carballo moitas veces en excursións organizadas para ver os murais en visitas guiadas.
O marcapáxinas intelixente servirá para coñecer desde o móbil a localización de todos os murais
O marcapáxinas, idea de Patricia Mañana, está atento as novas tecnoloxías. “Tiñamos un reto”, dixo Patricia, “porque como cada ano medra o número de murais facíase moi complicado situalos. Este marcapáxiñas (que leva un código QR) pódese vincular cos smartphones ou tablets para saber en todo momento onde están localizados todos os murais, información que logo se pode ampliar coa que, sobre as pinturas e todo o relacionado con ‘Derrubando’, ofrecemos na web de turismo. De todos os recursos que busca a xente sobre ‘Derrubando’, os da localización dos murais e as visitas guiadas son dos máis buscados”.
Mellorar a contorna urbana
Parga, Regueira, Ferrero e Mañana durante a presentación do caderno
O caderno é un paso máis no obxectivo que perseguimos con ‘Derrubando’. Así o explicou Xose Regueira: “Queremos mellorar a contorna urbana. Hai ben pouco presentabamos un libro de relatos e máis de murais, e sentímonos moi orgullosos de que estea nas librerías de toda Galicia. Agora co caderno afondamos na mesma liña e implicamos no proxecto aos cativos, porque queremos que as xeracións que están estudando nos colexios de Carballo, neste caso as máis novas, tamén interactúen co proxecto, o fagan propio e contribúan a darlle cor aos muros”. “Outro dos motivos de orgullo de ‘Derrubando’”, engadiu, “é que pintoras que traballaban o lenzo e logo probaron as paredes en Carballo, agora acadasen recoñecemento nacional e internacional e as chamen para pintar nas rúas de Porto, da Coruña ou de Canarias, caso de Alita, Laura Toba ou Emi de las Heras”
Recurso turístico
“Este’, dixo o alcalde, “é outro deses proxectos nosos máis frescos e de vangarda, como o Pedibús ou o horto urbano, que sempre veñen da man de Xose Regueira. E grazas a ‘Derrubando muros con pintura” e ao Rexenera Fest, agora somos afortunados de poder pasear por Carballo e ver a obra de recoñecidos artistas internacionais nese museo ao aire libre que é a nosa vila. Falamos dun proxecto que, ademais, converteuse un novo recurso turístico que tamén xera riqueza e que transmite unha imaxe tremendamente positiva de Carballo”.
O Carballo
Aínda que o caderno está orientado a un público infantil, seguro que a moitos adultos lles virá ben “como método de relax e antiestrés”, comentou Maite Parga, quen tamén explicou que o mural escollido para a cuberta exterior do caderno é o primeiro que se pintou en Carballo e do que naceu ‘Derrubando muros con pintura’: O Carballo, de Roberta Venanzi e Paula Fraile. Todos os murais seleccionados son os dos artistas locais que participaron ata o de agora no proxecto: Isa Fernández, Emi de las Heras, Lola Oviedo, Mon Lendoiro, Santi Picos, Taracido, Rakele, Alita, O Mighelo, Eva Facal, Lidia Cambón e Laura Toba, entre outros.