Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

A música invade de novo as actividades do mes de novembro, pero seguimos cun outono cheo de arte, fotografía e roteiros polas paisaxes da contorna

VENRES

The Cerne

The Cerne

Novembro con Música. Gala do 50 Aniversario da AP Amas de Casa da Coruña. Pazo da Cultura. 20.00 h. O programa do Novembro con Música inclúe a celebración dun concerto-gala con motivo do 50 Aniversario da AP Amas de Casa da Coruña. Está prevista a actuación do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Carballo e do grupo de The Cerne, que ofrecerá versións de música pop-rock dos anos 70 e 80 e temas propios. O grupo fórmase no ano 2005, coa intencion de lembrar vellos tempos musicais, unindo a uns amigos que xa tiñan percorrido e formado parte de algun dos grupos pioneiros do pop-rock en Carballo (Helium, Trámites, Distrito 15100, Meigasfora, etc.). No transcurso da gala tamén se proxectará un vídeo coa historia da asociación. Organiza a cita a Asociación Provincial de Amas de Casa da Coruña e Consumidores e usuarios da Coruña coa colaboración do Concello de Carballo. Entrada libre.

SÁBADO

Viaxe ao mundo da arte

Viaxe ao mundo da arte

Obradoiro "Viaxe ao mundo da arte" con Emi de las Heras. Biblioteca Rego da Balsa. 10.00 h. A artista carballesa Emi de Las Heras, da Asociación Crea Formas Artísticas, realiza unha viaxe polo mundo da arte con 15 nenos e nenas de 7 a 14 anos no seu obradoiro, que imparte os sábados de 10.00 a 13.00 horas na Biblioteca Rego da Balsa do 5 de novembro e até o 3 de decembro. Trátase dun percorrido que comeza coas pinturas murais do antigo Exipto e que se espalla polas artes decorativas gregas e romanas, polas vidrieiras góticas, e por outros moitos períodos artísticos ata chegar á arte contemporánea. A actividade é de balde.

Sacar a bailar

Novembro con Música. Sacar a bailar. Poesía reunida (2009-2016). Pazo da Cultura. 19.30 h. O salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura acolle a presentación do libro "Sacar a bailar" da poetisa carballesa Rosalía Fernández Rial, dentro das actividades paralelas do Novembro con Música. A autora entende a poesía como un todo que excede o escrito e esténdese cara a outros xéneros (principalmente o dramático, pero tamén o épico) e que se impulsa cara a vida. A performatividade destes versos non é buscada senón que simplemente está, porque habita neles e o seu sentido non se completa ata que esta emerxa. A presentación contará coa actuación do grupo poético-musical ELO. A cita está organizada pola editorial Sial Pigmalión coa colaboración do Concello de Carballo. Entrada libre.

Integrantes da Coral de Bergantiños

Integrantes da Coral de Bergantiños

Novembro con Música. Festival de Corais. Pazo da Cultura. 21.00 h. Novembro agocha tradicionalmente unha cita con dúas das agrupacións corais máis importantes da Comarca de Bergantiños, a Coral Polifónica de Bergantiños e o Coro Aires de Bergantiños. As dúas formacións comparten escenario nun concerto moi especial no que interpretarán temas de variada procedencia, estilo e xénero musical. Estas dúas corais son un referente na música vocal da contorna pola súa traxectoria así como polo súa profesionalidade e diferenzas á hora de interpretar o seu repertorio. Mentres a Coral se decanta cara a temas máis clásicos da polifonía o Coro Aires, pola súa parte, dedícase máis á música tradicional galega. Ao remate as dúas formacións teñen preparada unha sorpresa musical. Entrada libre.

DOMINGO

Pegadas do Wolframio

Ruta Pegadas do Wolframio

Outono en marcha: "Pegadas do Wolframio". Saída Sede Senda Nova. 8.15 h. Senda Nova volve a organizar un ano máis o programa de rutas Outono en Marcha que persegue potenciar o o noso patrimonio ambiental e cultural e dalo a coñecer a través dun programa de andainas. O domingo 20 de novembro é a quenda da ruta "Pegadas do Wolframio". Unha das de maior dureza polos abundantes desniveis, ten saída en Oza e chegada en Cambre. Pasa por Razo da Costa e polas casas da mina de Monte Neme, un espazo cunha vista espectacular. Remata na Igrexa de Cambre en Malpica. Distancia a percorrer: 16 quilómetros. Dificultade media. +info: 696 155 232 / <sendanova@hotmail.com>. Participación: 6 euros; 3 euros para socios/as.

EN CURSO

No 3º andar do Pazo da Cultura

No 3º andar do Pazo da Cultura

Exposición fotográfica do Premio Luis Ksado da Deputación. 3º andar do Pazo da Cultura. De 17.00 a 21.00 h. A sala Alberto Gende do 3º andar do Pazo da Cultura acolle até o 24 de novembro de luns a domingo unha exposición cos traballos premiados na duodécima edición do galardón de creación fotográfica Luis Ksado da Deputación da Coruña. A gañadora é a fotógrafa Bandia Ribeira (As Pontes, 1979) coa serie titulada "O voo do "midgie". Tamén poden verse os traballos dos finalistas: Juan Ramón Robles González ( Madrid) con "Vida e morte na Franxa de Gaza", Francisco Xabier Fernández Comesaña (Vigo) con "Aloitadores de Sabucedo", Noela Roibás Rodríguez (Pontevedra) con "Irmán" e Ana Belén Rello Férnández (Santiago de Compostela) con "Quidam". Entrada libre.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica