Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Sicixia, un paseo polo amor e a Costa da Morte

Compartir:

Sicixia, un paseo polo amor e a Costa da Morte

A película rodada en Carballo vén de estrearse en París e participa a finais de novembro no Festival Internacional de Cine de Xixón

Sicixia, un paseo polo amor e a Costa da Morte

A película estréase en Carballo o 25 de novembro

Carballo é máis ca nunca durante o mes de novembro, un Concello de cine. Sicixia, a película rodada en parte no municipio, estréase nas salas de cine o 25 de novembro cunha preestrea moi especial nos cines de Carballo. Mentres tanto, a fita está realizando o seu particular percorrido internacional. A longametraxe, dirixida por Ignacio Vilar, (director, entre outras películas de A Esmorga) foi seleccionada na Sección Oficial do 54º Internacional de Cine de Xixón, que se celebrará entre o 19 e o 26 de novembro. O filme, concibido para poñer en valor o inigualable patrimonio material e inmaterial da Costa da Morte e tamén de Carballo, foi seleccionado entre máis de 2.000 títulos de todo o mundo e competirá con 15 cintas na categoría de ficción procedentes de EEUU, Francia, Italia, México, Bulgaria, entre outros.

Máis de 300 persoas participaron na estrea da fita en París, na que o público tamén degustou a gastronomía galega

Ademais, a fita de Ignacio Vilar presentouse o luns 7 de novembro en París ante máis de 300 persoas nun espectacular evento que aliaba cinema e gastronomía. O público parisino non quixo perder unha prometedora viaxe de "Galicia a través dos cinco sentidos" e, dúas horas antes da agardada proxección, nas portas do Cine Majéstic-Passy situado no prestixioso 16ème arrondissement de París anunciábase que as entradas estaban esgotadas.

Un pulo para o cinema galego

Alén da presenza de representantes institucionais (Embaixada Española en París, Unesco, etc.), académicos (Universidade da Sorbona) e do mundo artístico e cultural parisino (actores, directores, pintores, escultores, etc.), cómpre subliñar a presenza de xornalistas, distribuidores de cinema e turoperadores que manifestaron o seu desexo de contibuír á difusión de Sicixia nos seus respectivos eidos, o cal supón un auténtico pulo para a promoción da nosa lingua e a nosa cultura a nivel internacional.

Sicixia conta co apoio da Agadic, ICAA, Deputación da Coruña, GALP Costa Sostible e, ademais do Concello de Carballo, dos concellos de Fisterra, Camariñas, Carnota, Cerceda, A Laracha, A Estrada, Cabana de Bergantiños, Dumbría, Corcubión e Zas.

Aquí vos deixamos o tráiler para que gocedes dun chisco do que ofrecerá a fita!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica