A Rapa das Bestas, a vida marxinal, a franxa de Gaza: viaxamos grazas ao premio Luis Ksado
O galardón de creación fotográfica da Deputación pode visitarse no 3º andar do Pazo da Cultura até o 24 de novembro en horario de 17.00 a 21.00 horas
A mostra recolle as obras gañadoras do premio Luis Ksado da Deputación
Os e as aloitadores da Rapa das Bestas de Sabucedo, a vida na franxa de Gaza, como sobrevivir nun barrio marxinal en Gran Bretaña, visións sobre as relacións fraternais ou as necesidades dos cidadáns e cidadás anónimos. Cinco visións, unha gañadora e catro finalistas no Premio de creación fotográfica Luis Ksado da Deputación da Coruña que estes días visita a sala Alberto Gende do 3º andar do Pazo da Cultura. O premio xa é un referente no eido da fotografía en Galicia e mesmo en España, con 109 participantes na última edición, a de 2015, comisariada polo fotógrafo Xurxo Lobato e que é a que estes días invade a baixocuberta.
Cinco visións moi distintas do mundo e da actualidade invaden a sala Alberto Gende nunha mostra de moita calidade
A gañadora foi a fotógrafa Bandia Ribeira (As Pontes, 1979) coa serie titulada "O voo do 'midgie'", unha escolma de fotografías documentais sobre o tema da marxinalidade na periferia dunha cidade británica. A obra desta fotoxornalista impúxose por exercer de testemuña dos tempos que estamos a vivir cunha linguaxe visual moi contemporánea que convida a reflexionar. Ademais, na mostra tamén poden admirarse os traballos dos finalistas: Juan Ramón Robles González (Madrid) con "Vida e morte na Franxa de Gaza", Francisco Xabier Fernández Comesaña (Vigo) con "Aloitadores de Sabucedo", Noela Roibás Rodríguez (Pontevedra) con "Irmán" e Ana Belén Rello Férnández (Santiago de Compostela) con "Quidam".
Bandía Ribeira
Licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Compostela e pola Karlova Univerzita de Praga, Bandía Ribeira cursou o Postgrado de Fotoxornalismo na Universitat Autónoma de Barcelona e o grado de Fotografía Documental na University of South Wales de Newport. Na súa experiencia profesional, Bandía Ribeira traballou como fotoxornalista en El Progreso, delegación da Mariña, colaborou coa Fundació per la Innovació i la Acció Social e foi asistente de fotografía da Agencia Lusa en Viseu. A súa obra foi exposta en mostras individuais e colectivas, ademais de na Galiza, en Gales, Cataluña, Rumanía, Alemania, Portugal. O Ksado súmase a outros premios recibidos por Bandáa Ribeira como a mención de honra de Foto Visura Spotlight grant ou o Premio Ciutat de Barcelona.
Podedes admirar os seus traballos e os dos/das finalistas até o xoves 24 de novembro en horario de 17.00 a 21.00 horas nesta mostra itinerante dun premio que cumpre xa doce anos e que xa é unha actividade central na ampla axenda cultural da Deputación.