Axenda da finde
O frío xa está pegando forte, pero sempre podemos relaxarnos coas notas do Novembro con música, facendo ioga, con rutas de sendeirismo...
VENRES
Concerto pop-rock Live in Cances. Local Social de Cances. 22.00 h. Volve ao programa do Novembro con Música o concerto pop-rock Live in Cances, un clásico que ten lugar na parroquia carballesa dende hai máis de 10 anos. Live in Cances xa é un referente para os grupos locais afeccionados, que acoden edición tras edición a unha cita que organiza a Asociación Cultural San Campio de Cances e coa que colabora o Concello. Nesta ocasión participarán tres agrupacións cunha traxectoria moi consolidada como son Strobos, Killer Cats e New Orleans Trio. Entrada libre.
SÁBADO
Mañá consciente na Biblioteca Rego da Balsa. De 10.00 a 14.00 horas. As actividades denominadas como conscientes forman parte dun grupo de exercicios que permiten ás persoas que nelas participan introducirse nos seus propios pensamentos, desenvolvendo a solución de problemas como o estrés ou abrindo portas a posibles problemáticas que antes non sabían resolver. Non son actividades milagreiras, nin moito menos, senón que conseguen que a persoa se “conecte” co seu propio ser, coa súa vida, e tome o rumbo que quere levar na mesma. A Biblioteca Rego da Balsa abre as portas a diferentes disciplinas que poden axudarte no teu día a día, a coñecer un mundo diferente de posibilidades para coñecerse mellor un mesmo. Por este motivo, nesta xornada poderás practicar ioga, meditar cos tambores chamánicos ou gozar creando un poema coas verbas que saian da túa alma.
Bhakta Sisters
- Ás 10.00 horas Pancho Tatao ofrece unha sesión de Ioga para familias. Para acceder a esta actividade será preciso inscribirse e está destinada ao público familiar. Aproveita e anótate c@s pequen@s da casa, cun máximo de 2 nen@s por adulto inscritos.
- Ás 11.00 horas, poderemos participar nun obradoiro de percusión consciente, no que Ooruk Sambho falará de tambores chamánicos, paus de choiva e outros instrumentos que nos axudarán a expresar os nosos sentimentos a través do son. Que melodía sairá dos participantes nesta sesión musical?
- Ás 12.00 horas, Alberto Mouriño, escritor e poeta galego, presenta "La poesía SÍ puede cambiar el mundo", un libro cargado de versos motivadores e revolucionarios para romper esa zona de confort que nos ten pres@s a abrirnos a unha vida diferente. Ademais, contaremos cun obradoiro posterior de poesía para que nós mesm@s sexamos @s encargad@s de dar vida propia ás verbas que levamos dentro.
- Ás 13.00 horas, un concerto de mantras será o encargado de dar peche a esta xornada de actividades conscientes. As Bhakta Sisters, coa colaboración de Ooruk Sambho, sorprenderannos con fermosas melodías e ata poderemos realizar algunha proba de ioga da voz para sumarnos ao canto das mesmas.
Sons de aquí 2015
Festival de música tradicional Sons de aquí. Pazo da Cultura. 21.00 h. "Sons de aquí" é un concerto de música tradicional a cargo das agrupacións musicais do Concello. As 12 agrupacións que participan dan boa mostra da riqueza do noso patrimonio musical e da asociacións que traballan nese ámbito no municipio durante todo o ano. Desta volta, está prevista a presenza da Banda de Gaitas Municipal de Carballo, as Cantareiras Xoldreira de AC Nemeth, o Grupo de Gaiteiros do San Cristovo, as Cantareiras San Campio de Cances, as Cantareiras O Candil de Sísamo, o grupo de Cantareiras San Martín de Razo, o grupo de gaitas Lembranzas e Bergantiños, o grupo de cantareiras da Asociación Cultural Argazo, o grupo de música Meigallos da nosa terra de Bértoa, as cantareiras e cantareiros do grupo Névedas da AC Arume e o Grupo de Gaitas de Arume de Berdillo. Entrada libre.
DOMINGO
Vía Alcaianus transcorre por Coristanco
Outono en marcha: "Vía Alcaianus". Saída Sede Senda Nova. 8.15 h Senda Nova volve a organizar un ano máis o programa de rutas Outono en Marcha que persegue potenciar o o noso patrimonio ambiental e cultural e dalo a coñecer a través dun programa de andainas. O domingo 13 de novembro é a quenda da ruta "Vía Alcaianus". Conta con 20 quilómetros de lonxitude e transcorre polo Concello de Coristanco seguindo unha vía romana e cruzando a Ponte Lubiáns. Dificultade media-baixa. +info: 696 155 232 / <sendanova@hotmail.com>. Participación: 6 euros; 3 euros para socios/as.
Concerto En Familia: "Canta o cuco" con Uxía e Magín Blanco. Pazo da Cultura. 18.00 h. O Novembro con música garda unha actuación moi especial para o público familiar. Uxía e Magín Blanco presentan Canta o cuco, una proposta musical e teatral multidisciplinar que mestura diferentes técnicas escénicas, manipulación de obxectos, monicreques, música e traballo actoral conxugado co deseño e ilustración do pintor Leandro Lamas que nos achega ao imaxinario de Manuel María. Do elenco forman parte, xunto con Uxía e Magín Blanco, outros tres estupendos músicos. Esta cita é de balde, aínda que para asistir hai que recoller un convite previo polo límite de aforo. Poden recollerse no Pazo da Cultura (de 10.00 a 14.00 h.), na Biblioteca Rego da Balsa (de 10.30 a 20.30 h.) ou na Ludoteca (de 17.00 a 19.00 h.). Máximo 4 convites por persoa. De balde, con convite previo ata completar aforo.