Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Despedimos por todo o alto o 25 aniversario do FIOT nunha finde case primaveral na que tamén teremos andainas, Samaín, setas, castañas...

VENRES

Paolo Nani

Paolo Nani

FIOT: "La carta" con Paolo Nani Teater. Pazo da Cultura. 21.00 h. O mesmo ano no que naceu o FIOT, 1992, Paolo Nani e Nullo Facchini crearon A carta, converténdose nun éxito instantáneo, e desde entón non deixou de viaxar polo mundo, representándose en preto de mil ocasións. O virtuoso clown non precisa as palabras para contar unha historia de 15 maneiras e encher de risa cada minuto. A súa precisa linguaxe corporal, o mimo, as “acrobacias” faciais, o perfecto ”timing” cómico, os orixinais gags, a complicidade co público,… fan deste divertidísimo espectáculo unha inesquecible antoloxía da comedia, que permanece na carteleira escénica despois de 25 anos. Aínda que italiano, Paolo Nani creou esta obra co Teatro Cantabile 2, de Dinamarca, onde segue residindo e onde en 1995 creou a súa propia compañía. Compaxinou a representación deste espectáculo coa creación doutros, tamén exitosos. Duración prevista do espectáculo 70 minutos. Entrada: 7 euros.

SÁBADO

Andaina da seta e da castaña

Andaina da seta e da castaña. Saída dende a Capela de Santa Eufemia (Rus). A partir das 10.30 horas. A Asociación Ambiental Senda Nova e a Asociación Deportiva Media Ducia aproveitan o outono para seguir coñecendo a nosa contorna natural. Desta volta, coa cuarta edición dunha andaina pola parroquia de Rus na que apañar setas e castañas e na que gozar coas fantásticas temperaturas e paisaxes que nos deixa este outono. Ao remate, os participantes volverán ao campo da Capela para unha degustación de setas. Actividade gratuíta para socios e socias. Prezo para non socios: 5 euros.

IX Xornadas micolóxicas de Lumieira. Saída: Fórum Carballo. 10.30 h. Estamos en tempo de setas, e a Asociación Cultural Lumieira organiza dúas xornadas de saídas micolóxicas. O sábado 29 de outubro sería a segunda con Tomás Rodríguez Novoa como coordinador, guiando aos participantes polos montes da contorna. O regreso está previsto para as 16.30 horas, cando se realizará a catalogación dos produtos recollidos e a valoración da xornada. Inscricións e máis info nos teléfonos 609 884 714 e 647 437 906. Tamén é posible obter máis información e anotarse no enderezo electrónico <a.c.lumieira@gmail.com>. Aos ricos cogumelos!

Pequefesta do Samaín. Ludoteca Municipal. 17.30 h. A Ludoteca Municipal acolle, no marco do proxecto Apego, unha festa infantil centrada na tradición do Samaín, con xogos, animación musical, obradoiros de maquillaxe, globofexia ou “meiguiñas”, contacontos, fotocol... E podes vir disfrazad@! Participación: nenos/as de 2-6 anos. Prazas limitadas. Con recollida de convite previo na Biblioteca Rego da Balsa ou na propia Ludoteca. Entrada gratuíta.

La estupidez

"La estupidez" de Feelgood teatro

FIOT: "La estupidez" de Feelgood teatro. Pazo da Cultura. 20.00 h. Un grupo de persoas intenta facerse rica en Las Vegas. Un método matemático para gañar á ruleta garda relación coa temible ecuación que encripta o segredo da Apocalipse. Dous criminais deben vender un cadro antigo roubado. A mafia siciliana fabrica unha nova estrela do pop e uns policías motorizados viven unha intensa historia de traizóns. Todo isto ocorre ao mesmo tempo. En las Vegas. Cinco virtuosos actores (Fran Perea, Toni Acosta, Ainhoa Santamaría, Javier Coll e Javier Márquez) interpretan 25 personaxes, nun prodixioso exercicio interpretativo e cunha posta en escena impecable. Feelgood Teatro estrea en Carballo para Galicia esta divertida proposta. Duración prevista do espectáculo (con descanso) 180 minutos. Entrada: 15 euros.

Rúa dos Contos: Os Revenidos. Sala Dublín. 0.00 h. Despois de que se cancelase a actuación de IGMIG prevista para o sábado 8 de outubro, uns vellos coñecidos da Rúa dos Contos, Os Revenidos, veñen a completar a programación da "ovella negra" do FIOT. Transformarán a Sala Dublín co mellor do seu repertorio. O grupo de Arteixo composto por seis músicos, volverá ofrecer as súas personalísimas versións de artistas como AC/DC, Raphael ou mesmo Beyoncé e cunhas letras que non deixan a ninguén indiferente. Festa rachada para pechar o 25 aniversario do Festival. Entrada: 3 euros.

DOMINGO

Vista de Razo

Vista de Razo

Outono en marcha: "Razo e Baldaio para protexer". Saída Sede Senda Nova. 8.15 h Senda Nova volve a organizar un ano máis o programa de rutas Outono en Marcha que persegue potenciar o o noso patrimonio ambiental e cultural e dalo a coñecer a través dun programa de andainas. O domingo 30 de outubro é a quenda da ruta "Razo e Baldaio para protexer". Con saída en Santa Mariña e chegada en Castrillón, este percorrido realízase en outono para poder observar a lagoa de Baldaio coa presenza das aves migratorias, unha das riquezas deste espazo natural. Ademais, a predición para a fin de semana anuncia ceos despexados e máis de 20 graos de temperatura para a xornada do domingo. A distancia é de 14 quilómetros e a dificultade media-baixa. +info: 696 155 232 / <sendanova@hotmail.com>. Participación: 6 euros; 3 euros para socios/as.

LUNS

Samaín

Samaín

Rip Curl Gromsearch. Praia de Razo. Do 31 de outubro ao 6 de novembro. Os mellores surfeiros de España, Francia, Portugal, Reino Unido e Italia por debaixo dos 16 anos enfróntanse na praia de Razo do 31 de outubro ao 6 de novembro. Trátase dun circuíto internacional que percorre os cinco continentes en busca de novas promesas do surf mundial. Os campións das cinco roldas europeas do circuíto, celebradas en España, Francia, Portugal, Reino Unido e Italia, en categoría masculina e feminina, dánse cita para pelexar polo título europeo da tempada. Do 31 de outubro ao 6 de novembro buscaranse as mellores condicións das ondas para desenvolver a proba, que poderá disputarse nunha única xornada de competición. Razo, unha vez máis, co mellor surf!

Obradoiro do Samaín. Ludoteca Municipal. 17.15 h. No día máis terrorífico do ano, decorarase a Ludoteca con máscaras, pantasmas, cabazas, morcegos... Ven e vive unha tarde de medo! Participación: máximo de 20 nenos/as de 6-12 anos. É necesario inscribirse previamente na propia Ludoteca. A cita está incluída dentro do programa de actividades do proxecto Apego. Entrada libre.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica