Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Árbores, ríos, mar, pazos, capelas... podedes...

Compartir:

Árbores, ríos, mar, pazos, capelas... podedes atopalo todo no V Outono en Marcha!

Senda Nova propón seis rutas de sendeirismo por Carballo e a contorna entre os meses de outubro e novembro para poder gozar das follas secas

Unha imaxe da ruta Razo e Baldaio para protexer

Unha imaxe da ruta Razo e Baldaio para protexer

As follas das árbores mudan de cor, o frío comeza a chegar á comarca e a choiva e o sol de outono ofrecen unha ollada distinta sobre as paisaxes e o patrimonio da comarca. Por iso, Senda Nova reserva estas datas para o seu programa de roteiros Outono en Marcha, unha cita que persegue potenciar o noso patrimonio ambiental e cultural e dalo a coñecer a través dunhas andainas que, ademais de transcorrer por unhas paisaxes de enorme beleza, tamén contan con paradas interpretativas nas que as persoas que mellor coñecen a nosa contorna contan todos os seus segredos e curiosidades. Nesta edición, que xa é a quinta, mantéñense as rutas doutros anos con Senda das Capelas, Razo-Baldaio para protexer, Terras do Marqués, Vía Alcaianus, Pegadas do Wolframio ou a Ruta das Férvedas polos municipios de Carballo, A Laracha e Malpica.

As rutas son os domingos do outono con saída ás 8.15 horas dende a sede social de Senda Nova en Carballo

As inscricións poden formalizarse dende dous días antes da celebración de cada roteiro e pode obterse máis info tanto na base de Protección Civil de Carballo (Edif. Ambulatorio vello. Carballo 2º andar) de luns a venres  de 9.30 a 13.30 horas; como no Pazo da Cultura os mércores, xoves e venres de 16.00 a 19.00 horas; e tamén pode obterse máis información no Facebook ou no enderezo electrónico de Senda Nova <sendanova@hotmail.com> e no teléfono 696 155 232. O prezo para participar é de 6 € para adultos/as e de 3 € para menores de idade. Os socios/as de Senda Nova maiores de idade pagan 3 € e 1 €, os menores.

Ruta a ruta

Ruta Senda das Capelas

Ruta Senda das Capelas

Respecto do calendario de rutas (todas con saída desde Carballo ás 8.15 horas dende a sede de Senda Nova na rúa Venezuela), as súas características son as seguintes: 

  • Senda das Capelas: 23 de outubro. Transcorre polo Concello da Laracha, pola parroquia de Santa Margarida de Montemaior e percorre aproximadamente 16 quilómetros, cunha dificultade media. Neste caso, e por proximidade xeográfica, a saída dende o Concello da Laracha farase ás 8.30 e non ás 8.00 horas como é o habitual.
  • Razo-Baldaio para protexer: 30 de outubro. Con saída en Santa Mariña e chegada en Castrillón, este percorrido realízase en outono para poder observar a lagoa de Baldaio coa presenza das aves migratorias, unha das riquezas deste espazo natural. A distancia é de 14 quilómetros e a dificultade media-baixa.
  • Terras do Marqués: 6 de novembro. Con saída en Gontade e chegada en As Pallas, inclúe a visita a dúas mámoas, un castro e ao Pazo de Vilardefrancos, rematando no Pazo das Pallas. Distancia: 14 quilómetros.
  • Vía Alcaianus: 13 de novembro. Conta con 20 quilómetros de lonxitude e transcorre polo Concello de Coristanco seguindo unha vía romana e cruzando a Ponte Lubiáns.
  • Pegadas do Wolframio: 20 de novembro. Unha das de maior dureza polos abundantes desniveis, ten saída en Oza e chegada en Cambre. Pasa por Razo da Costa e polas casas da mina de Monte Neme, un espazo cunha vista espectacular. Remata na Igrexa de Cambre en Malpica. Distancia a percorrer: 16 quilómetros
  • Ruta das Férvedas: 27 de novembro. Transcorre polo Concello de Carballo, saíndo da Brea e terminando en Entrecruces. Caracterízase por dous saltos de auga de gran fermosura, a Férveda de Rus, no rego da Férveda, e a denominada Férveda de Entrecruces, na que o río Outón ten que salvar uns 50 metros de desnivel. A distancia é de 15 quilómetros.

Vivide o Outono! Poñédevos en marcha con Senda Nova!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica