Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Pasamos o ecuador de outubro cun feixe de estreas, con Pepo Suevos e Xosé Touriñán pechando a Rúa dos Contos e un Cándido Pazó con sabor irlandés

VENRES

Fantoches Baj

Fantoches Baj

Rúa dos Contos: "A saia de Carolina" con Fantoches Baj. A Bombonera. 23.30 h. A Rúa dos Contos entra na súa recta final coa súa penúltima actuación a cargo de Fantoches Baj. "A saia de Carolina" é a historia dos amoríos do Padre Damián coa súa criada Carolina, a muller de Xosé o muiñeiro, inspirada na tradición oral na que se xuntan contos con cantos, confesións, sermóns, locucións, recomendación, adagios, proverbios, trabalinguas, adiviñas, ditos e reditos. Neste entremés satírico o contador multiplicarase en narrador, personaxe e manipulador de títeres, unha técnica chamada bululú. Entrada libre.

SÁBADO

Pepo Suevos e Xosé Touriñán

Pepo Suevos e Xosé Touriñán

FIOT: estrea de "O tolleito de Inishmaan". Pazo da Cultura. 21.00 h. O FIOT coproduce coa compañía galega Coproducións "O tolleito de Inishmaan", con texto de Cándido Pazó baseado nun libreto do autor irlandés Martin McDonagh. Inishmaan podería ser unha aldea galega pero é unha pequena illa irlandesa. Seres máis ou menos adorables, máis ou menos odiosos que, nun mundo illado, viven as súas vidas cativas como poden e como saben. Entre eles, un eivado que persegue un soño que nel parece empresa imposible: ser amado e valorado como calquera outro. Esta comedia negra na que as cousas non son o que parecen atraparanos no seu humor e tenrura. Duración aproximada do espectáculo, 115 minutos. Entrada: 7 euros.

Rúa dos Contos: "Dous homes e un vespino" con Xosé Touriñán e Pepo Suevos. Mercado Municipal. 23.30 h. Vaia dúas patas para un banco! Pepo e Touri nunha noite de comedia única cun espectáculo inédito. Logo de facer rir a media Galicia cos seus espectáculos en solitario, Xosé Touriñán e Pepo Suevos, estes dous populares cómicos, volven ao FIOT polo seu 25 aniversario para pechar esta edición na que a Rúa dos contos se fixo maior de idade. Falarán da vida, do vespino e tamén das experiencias, sempre desde un particular punto de vista que non deixará a ninguén indiferente. Estrea absoluta no FIOT. Entrada: 5 euros.

DOMINGO

La crazy class

La crazy class

FIOT: "La crazy class" coa compañía valenciana LOm Imprebís. Pazo da Cultura. 21.00 h. Unha ama de casa, un militar, unha bailarina, unha enfermeira, un rapaz tímido… doce persoas acoden a unha tola e maxistral clase de teatro.Atoparanse con Cyrano de BergeracLa vida es sueñoTres hermanasRomeo e Julieta ou Hamlet e nós asistiremos a un divertido e vertixinoso cóctel de historias e emocións que tamén ten como ingredientes o humor e o amor polo teatro e no que este se funde coa vida, coa necesidade humana de poder ser outros para sobrevivir. L'Om-Imprebís regresa ao FIOT coa súa última produción, creada a partir do xénero do que son pioneiros en España, a improvisación, a creación en vivo dentro do teatro, aínda que nesta ocasión nada se improvisa. Estrea en Galicia. Duración aproximada do espectáculo, 75 minutos. Entrada: 7 euros.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica