Ultranoite, Pelos na lingua, Mofa e Befa... proba os pinchos de Dálle un bocado ao FIOT!
Volve por terceiro ano consecutivo a ruta que une gastronomía, teatro e diversión en 14 locais hostaleiros e cafetarías de Carballo
"Soño dunha noite de verán", "Sonata de otoño", "Pelos na lingua", "Rinconete y cortadillo", Mofa e befa... son só algúns dos pinchos que poderedes probar durante as dez xornadas de función de sala do Festival Internacional Outono de Teatro na ruta gastronómica "Dálle un bocado ao FIOT". Os pinchos máis orixinais e divertidos volven por terceiro ano consecutivo nun total de 14 locais hostaleiros e cafetarías da vila.
Como en cada edición, os bocados poden ser tapas a 2 euros, mais tamén almorzos a tres euros os días 2, 7, 9, 14, 16, 21, 22, 23, 28 e 29 de outubro. Entre todas as persoas que gocen coas delicias da ruta, sortearase unha noite de teatro para o FIOT de 2017, que consistirá en dúas entradas para asistir a unha das funcións do festival, ademais de cea, aloxamento e almorzo esa noite nun local carballés. A gañadora deste ano é Zoe Quintela Viña, escollida ao azar pola compañía madrileña Yllana o día da representación do seu último traballo, Yllana 25, no Pazo da Cultura.
Performances nos locais
Ao igual que en anos anteriores, os veciños e veciñas que se acheguen aos 14 establecementos poderán tamén gozar con pequenas pílulas de teatro. A actriz carballesa Alba Bermúdez será a encargada de crear, coordinar e dirixir os sketches que se representarán nos bares, que contarán coa interpretación dos rapaces e rapazas afeccionados ao teatro de Coro Vagalume. O obxectivo é, segundo Bermúdez "sacar o teatro dos espazos habituais" a través de "happenings ensaiados" dun par de minutos de duración cos que invadir os locais con moita diversión. Nos establecementos que ofrecen almorzos as intervencións serán polas mañás, mentres que no resto, pola noite ou tamén á hora do vermú.
A listaxe de locais participantes é a seguinte:
- Cervexaría A Bombonera (tapa)
- Cafetaría Pazo da Cultura (tapa)
- A Barra Bar (tapa)
- Vinoteca Ánfora (tapa)
- Restaurante Oasis (tapa)
- Café Valle Inclán (almorzo)
- Cafetaría Abastos (tapa)
- Cervexaría Dublín (tapa)
- Cafetaría Xorima (tapa)
- Cervexaría Ágora (tapa)
- Mesón A Cabaña (tapa)
- Mesón O Casino (tapa)
- Café Colón (almorzo)
- Taller de Repostería Tomasa (almorzo)