Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Buscas atletismo e diversión? Participa na...

Compartir:

Buscas atletismo e diversión? Participa na carreira de obstáculos I Desafío Bergantiñán!

Os amantes do deporte tendes unha cita o domingo 16 de outubro nun percorrido cheo de retos, xogos e bo rollo en Carballo

I Desafío Bergantiñán

Os obstáculos inclúen muros

Buscas novos retos cando practicas atletismo? Queres pasalo ben nunha competición diferente? Entón tes unha cita co I Desafío Bergantiñán, unha carreira de obstáculos para todas as idades na que facer deporte, pasalo ben e mesmo fomentar a colaboración e o compañerismo. Carballo celebra o 16 de outubro a súa primeira cita deste tipo nun circuíto semi urbano de 5,6 quilómetros pola vila e a súa contorna. A cita está aberta para categoría feminina, masculina e infantil (de 5 a 15 anos). Calquera persoa maior de 16 anos pode anotarse na categoría absoluta, na que haberá 25 obstáculos -incluíndo unha carreira río arriba pola canle do Anllóns- nun amplo abano de posibilidades para que cada quen faga a súa carreira.

De feito, para rematar non é necesario superar todos os obstáculos, xa que quen non sexa capaz de superar algún deles (entre os que hai muros verticais, ramplas. redes, tubos e mesmo un salto de lume) poderá avanzar realizando 15 burpees (flexión e salto) para continuar co percorrido. A carreira pretende ser unha cita alcanzable para todo o mundo e moi divertida.

Saída en quendas cada 10 minutos

A cita transcorrerá nun circuíto semi-urbano circular de 5,6 quilómetros con saída e chegada no Rego da Balsa

No que respectá á categoría absoluta, desenvolverase a través dun sistema de quendas cada 10 minutos, con arredor de 30 corredores en cada unha, coa primeira saída ás 9.30 horas. No circuíto, a saída e a chegada estarán situadas na contorna do Rego da Balsa, na rúa Perú -onde tamén estará situado o circuíto infantil- nun percorrido circular con avituallamento ao final. No caso da categoría "irmán menor", para menores de 16 anos, a carreira disputarase en quendas de dous corredores con saídas cada minuto. O obxectivo é formar parellas entre nenos de distintas idades, de tal forma que o maior axuda ao pequeno a finalizar o circuíto, neste caso de 600 metros, para favorecer a colaboración entre os rapaces e rapazas.

Outro dos atractivos da proba é o padriño, Fran López Costoya, Campión do Mundo de Raids no ano 2010. López Costoya asegura que nos últimos tempos hai unha proliferación deste tipo de probas, "para todas aquelas persoas ás que xa non lles chega con correr" e supoñen un reto engadido que fai que moitos corredores e corredoras se animen a participar. Ademais, haberá medalla para todos os participantes e trofeos para os mellores.

As inscricións poden formalizarse a través do web <www.carreiras galegas.com>. Animádevos e sorte!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica