Carballo comeza a súa andaina internacional por festivais grazas á peli Sicixia
O filme, rodado en parte na costa e na capital carballesa, compite en outubro na Sección Oficial do XXI Festival Cinespaña de Toulouse
Un momento da rodaxe de "Sicixia" na costa carballesa
Carballo comeza a viaxar grazas a Sicixia! A longametraxe, de Vía Láctea Filmes, dirixida por Ignacio Vilar, (director de A Esmorga, entre outras) e rodada en parte en Carballo, vén de ser seleccionada na Sección Oficial do XXI Festival Cinespaña de Toulouse (Francia). Aínda lembramos o inverno pasado as peripecias do equipo de rodaxe tanto na costa carballesa, coma na rúa Coruña ou no bar O Pescador, onde veciños e veciñas fixeron de extras para unha orixinal e divertida festa.
O filme, concibido para poñer en valor o inigualable patrimonio material e inmaterial da Costa da Morte así coma o Rapa das Bestas de Sabucedo, foi seleccionada entre 128 longametraxes de ficción españolas e competirá con 6 longametraxes na categoría de ficción ante un xurado formado por recoñecidos profesionais do cinema francés.
Proxección internacional
Un momento da rodaxe de "Sicixia" no Pescador
A peli opta á Violette d'or, Premio á Mellor Longametraxe, así coma aos Premios a Mellor director, Mellor actor/actriz protagonista, Mellor guión, Mellor fotografía, Mellor banda sonora e o Premio do Público. A participación dun filme cen por cen galego neste prestixioso certame supón de antemán un notable recoñecemento ao noso cinema e contribuirá á difusión da nosa lingua e da nosa cultura a través de dúas proxeccións durante o Festival: unha o luns 3 de outubro ás 18.00 h.; e outra o xoves 6 de outubro ás 19.15 h. nunha presentación do filme e coloquio co director, Ignacio Vilar, e o actor protagonista, Monti Castiñeiras.
A estrea en salas, incluíndo un pase especial nos cines de Carballo, está prevista para o próximo 25 de novembro
A estrea de Sicixia en salas -incluíndo un pase de estrea especial nos cines de Carballo- será o 25 de novembro de 2016. A película conta a historia de Xiao (Monti Castiñeiras) un enxeñeiro de son. Un novo encargo lévao á Costa da Morte para gravar os sons máis característicos da contorna. Alí coñece a Olalla (Marta Lado), unha guía local que recolle algas no Océano Atlántico. A partir de aí, as súas vidas fuxirán ao seu control coma mareas rexidas por unha lei superior.