Yllana abre un FIOT cheo de humor e de festa para celebrar o 25 aniversario
O programa arrinca o 23 de setembro co novo espectáculo da compañía madrileña; as entradas este ano poderán comprarse en Ticketea
Os protagonistas do cartaz deste ano son tres intérpretes carballeses
O FIOT de 2016 xa ten cartaz! O sábado 10 de setembro douse a coñecer a imaxe da súa 25ª edición, na que se transmite o ambiente festivo e cheo de humor co que se quere celebrar este aniversario tan especial. O presidente de Telón e Aparte Alberto Sueiro explica o significado da imaxe principal, na que aparecen os actores carballeses María Tasende (Acacias 38), Rober Bodegas (Cuerpo de élite) e Alba Bermúdez (Dalle Jas). “O obxectivo era facer un paralelismo entre as vodas de prata do FIOT e o xurdimento dunha xeración de actores profesionais nestes últimos 25 anos, para o cal decidimos contar con algúns dos artistas carballeses máis coñecidos”, sinala Sueiro.
María Tasende, Rober Bodegas e Alba Bermúdez son os intérpretes carballeses protagonistas do cartaz do FIOT 2016
O presidente da AC Telón e Aparte tamén sinala que a tarta simboliza non só a celebración por este aniversario, senón tamén unha “referencia indirecta” ao teatro de clown, que tanta presencia ten en cada edición do festival e que tamén estará na 25. Sueiro agradeceu a cada un dos actores a súa colaboración e tamén a Juan Gende, o deseñador da imaxe. O Alcalde, Evencio Ferrero, pon en valor o festival como un fito que crea identidade. “O teatro en Carballo é algo máis. Xa é todo un referente en Galicia e comeza a selo en España grazas ao nivel da súa programación e da simpatía e complicidade que ten co público”, afirmou o rexedor carballés.
O 16 de setembro comeza a venda para Yllana 25
Yllana 25 recolle o mellor de Yllana
Para esta 25ª edición, o FIOT tamén conta coa participación dunha compañía moi querida polo público carballés, a madrileña Yllana, que desde o ano 1997 actuou en nove ocasións no festival, traendo os seus trepidantes gags, que son un referente do humor xestual dentro e fóra de España. O 23 de setembro Yllana encargarase de abrir o FIOT cun prólogo festivo moi especial, o seu espectáculo Yllana 25, no que recolle os 25 mellores sketches da súa traxectoria e que chegará a Carballo case de estrea, xa que só se representará unha vez antes da súa cita na capital de Bergantiños.
O custo da entrada de Yllana 25 non estará incluída no prezo dos bonos e poderá adquirirse entre o 16 e 22 de setembro a un prezo de 10 euros para o público en xeral e de 5 euros para os socios da A.C. Telón e Aparte. Alberto Sueiro indicou que a próxima semana se presentarán todos os detalles das actuacións do FIOT 2016.
Cambio na televenda de entradas
Outra das novidades da presente edición será o cambio no sistema de televenda de entradas, que se realizará a través da plataforma Ticketea, co obxectivo de potenciar a venda anticipada de entradas e ofrecer un mellor servizo, rebaixar custos para o usuario e potenciar a súa difusión. A compra de entradas poderá facerse a través de múltiples canais: na plataforma Ticketea, pero tamén a través de páxina do festival (www.fiot.gal) e da súa páxina de Facebook.
O público en xeral poderá mercar os bonos e as entradas soltas a partir do 21 de setembro, mentras que os socios da A.C. Telón e Aparte poderán facelo entre o 17 e 20 deste mes mediante vía telefónica. No caso de acudir directamente á billeteira do Pazo da Cultura, a adquisición de entradas estará dispoñible ata 90 minutos antes do comezo de cada función. Os prezos dos bonos e das entradas serán similares aos do ano pasado.