Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Teatro para os máis cativos, o rock tradicional de Sés, a festa do berberecho en Imende, monólogos de El Club de la Comedia... Agosto en Carballo!

VENRES

Teatro Ghazafelhos

Teatro Ghazafelhos

"As mil e unha noites" con Teatro Ghazafelhos. Xardín Municipal. 20.00 h. Tres xenios do afastado oriente, subidos en zancos, veñen a contar a historia de Sherezade e de como o seu enxeño logrou cautivar a un dos Sultáns máis despiadados de toda Persia. Todo transcorre nun ambiente máxico no que non faltará a improvisación propia de Ghazafelhos. As mil e unha noites chegan ao Verán Cultural nun espectáculo para público infantil e familiar cheo de diversión. A cita conta coa colaboración da Deputación da Coruña. Entrada libre.

Concerto de Sés. Praza do Concello. 22.00 h. Sés, rockeira e cantareira, sentimental e enérxica, son os ingredientes dunha fórmula que consegue un resultado orixinal e xenuino: rock’n’roll e tradición oral galega, que segue a medrar coa súa enerxía ilimitada, actitude punk espectacular e unha potencia escénica impoñente. Tronzar os valos é o terceiro disco da cantora bergantiñá, doce cancións nas que te adentras no universo Sés, que significa a suma da potencia do rock, o ritmo e a mensaxe da canción latinoamericana, a tradición que leva na pel e a súa intensa condición de cantora que impregna a maneira directa de achegarse ao público. A cita conta coa colaboración da Deputación da Coruña. Entrada libre.

Surf Party en Razo. Artbar. A partir das 23.00h. Razo transfórmase en verán durante o día, con fantásticos días de sol, praia, surf e diversión; e tamén pola noite, con diferentes eventos, entre eles, as Surf Parties do Artbar os días  5, 11, 17, 23 e 29 de agosto. Vive a noite de verán da praia de Razo!

SÁBADO

Miguel Lago

Miguel Lago

XIX Festa do Berberecho. Imende. A partir das 13.00 h. Imende (en Noicela) acolle unha das festas gastronómicas máis importantes do municipio onde se poderá degustar un dos produtos típicos da ría de Baldaio, o berberecho. Actuacións musicais, danza e, ademais, unha pequena verbena a partir das 13.00 h.  A sesión vermú é ás 14.00 h. coa orquestra Bohemia;  ás 21.00 h. actúa o grupo San Campio de Cances e a verbena pola noite é coa orquestra Bohemia. A cita está organizada pola ADCR Baldaio coa colaboración do Concello. Entrada libre.

Monólogo de Miguel Lago. Sala Dublín. 23.30h. O humorista máis valorado de "El Club de la comedia" en 2016 chega a Bergantiños para presentar os seus textos máis míticos e media hora de novo material espectacularmente bestial, ao máis puro estilo que caracteriza a Miguel. Entradas anticipadas a 10 euros en: Sala Dublín (Carballo); Cervecería Dluxe (Carballo); Sala Aquilón (A Laracha). Teléfono de Reservas 615 460 405. Prezo en taquilla 12 euros.

Concertos en directo en Razo. Artbar. A partir das 23.00h. A diversión nas noites de Razo segue os sábados do mes de agosto cos concertos en directo que tamén ofrece o Artbar. Principian o sábado 6 con Miguelón y su guitarra ofrecendo versións de cancións de onte, de hoxe e de sempre, e repetindo o sábado 20. Os días 13 e 27 o concerto corre a cargo de Abutarda.

EN CURSO

Unha obra de Ponte en cor

Unha obra de Ponte en cor

Ponte en cor. Barrio da Milagrosa. Por segundo ano consecutivo o barrio da Milagrosa transfórmase nunha orixinal galería de arte grazas a Ponte en Cor, unha proposta que une a hostaleiros, comerciantes e creadores e creadoras para promocionar o movemento artístico carballés. Veciños e veciñas e visitantes poderán ver unha mostra artística espallada nun total de 21 locais comerciais e hostaleiros por todo o barrio. A iniciativa estará aberta entre 5 de agosto e o 10 de setembro. +info, clicando aquí.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica