Axenda da finde
A festa invade case cada recuncho de Carballo estes días; pero tamén temos a De Vacas no Verán Cultural, arte ou citas na praia de Razo...
XOVES, VENRES, SÁBADO E DOMINGO
Procesión de San Cristovo de 2015
Festas en Artes, Rebordelos, San Cristovo e Sofán. As verbenas invaden as parroquias de Carballo durante o verán, e nomeadamente durante o mes de agosto. Estes días temos varias citas en distintos puntos do municipio! Se vos organizades podedes ir a todas!
- Na capital municipal celébranse as Festas de San Cristovo os días 6 e 7 de agosto. O sábado hai misa solemne ás 12.30 na honra da Nosa Señora de Lourdes e Boa Viaxe e a continuación sesión vermú co Grupo D’Luxe. Pola noite, verbena co Grupo D’Luxe e o Dúo Marisma; xa o domingo ás 12.30 horas é a misa na honra de San Cristovo coa posterior procesión de vehículos polas rúas de Carballo. Para pechar as festas, sesión vermú e verbena coa orquestra D’Tacón.
- En Sofán están de festa do sábado 6 ao mércores 10. Comezan coas festas de San Salvador o sábado, o domingo e o luns, seguen o martes no Tarambollo e continúan o mércores co San Antonio de Prearada. Nas festas de San Salvador o sábado hai sesión vermú e verbena pola noite coas orquestras Acirema e Essencia; o domingo sesión vermú con Atenas e verbena pola noite con Atenas e a Orquestra Marbella; seguen o luns coa sesión vermú con Diamante e peche pola noite co grupo Bomba e a disco móbil CDC.
- Estes días temos celebracións en Rebordelos do 6 ao 9 de agosto, que festexa o patrón da parroquia, tamén San Salvador, o sábado e o domingo; e o domingo, o luns e o martes as celebracións son na honra do Neno Xesús unindo cinco días cheos de verbenas e sesións vermú.
- Por último, as festas comezan o xoves 4 e o venres 5 en Artes cos festexos na honra do Perpetuo Socorro. Os veciños e veciñas estrean o novo Campo da Festa coas verbenas da sesión vermú e pola noite.
VENRES
De Vacas durante unha actuación
Apertura de Ponte en cor. Bar Ámsterdam. 21.00 h. Por segundo ano consecutivo o barrio da Milagrosa transfórmase nunha orixinal galería de arte grazas a Ponte en Cor, unha proposta que une a hostaleiros, comerciantes e creadores e creadoras para promocionar o movemento artístico carballés. Veciños e veciñas e visitantes poderán ver unha mostra artística espallada nun total de 21 locais comerciais e hostaleiros por todo o barrio. A iniciativa estará aberta entre 5 de agosto e o 10 de setembro e o acto de inauguración será o venres ás 21.00h. Ponte en cor no barrio da Milagrosa. Entrada libre. +info, clicando aquí.
Verán Cultural con concerto de De Vacas. Praza do Concello. 22.30 h. A programación do Verán Cultural continúa o venres 5 de agosto co concerto do cuarteto musical De Vacas, integrado polas voces de Inés Salvado, Faia Díaz e Paula Romero e a guitarra de Guillerme Fernández (guitarrista de grupos ben coñecidos no panorama galego como Berrogüetto ou aCadaCanto). Unha animada cita na que versionarán temas venerados polas masas e maltratados pola historia. Ofrecen un espectáculo fresco e divertido, co que emocionarse e rir a partes iguais a base de orixinais versións de temas marcados polo éxito: dende Beyoncé ata o Gangnam style, pasando por Enrique Iglesias ou Michel Teló. Entrada libre.
Surf Party en Razo. Artbar. A partir das 23.00h. Razo transfórmase en verán durante o día, con fantásticas xornadas de sol, praia, surf e diversión; e tamén pola noite, con diferentes eventos, entre eles, as Surf Parties do Artbar os días 5, 11, 17, 23 e 29 de agosto. Comezan este venres. Vive a noite de verán da praia de Razo!
SÁBADO
Actuación en Artbar
Concertos en directo en Razo. Artbar. A partir das 23.00h. A diversión nas noites de Razo segue os sábados do mes de agosto cos concertos en directo que tamén ofrece o Artbar. Principian o sábado 6 con Miguelón y su guitarra ofrecendo versións de cancións de onte, de hoxe e de sempre, e repetindo o sábado 20. Os días 13 e 20 o concerto corre a cargo de Abutarda.