Vive a mellor música cubana con aires de soul, blues ou jazz cos Jóvenes Clásicos del Son
O mes de xullo remata en Carballo coa excelente música deste septeto, que invadirá o palco da Praza do Concello o venres 29 a partir das 22.30 horas
Jóvenes Clásicos del Son
Rubén Blades, Compay Segundo, Natalie Cole, Chucho Valdés, Harry Belafonte... Son só algúns dos artistas cos que Jóvenes Clásicos del Son teñen compartido escenario. E agora, o venres 29 de xullo, compartirán o seu talento con todos e todas os carballeses e cos visitantes que se acheguen á vila grazas ao patrocinio da Fundación Luís Calvo Sanz. Este grupo de música tradicional cubana interpretará os xéneros máis coñecidos da música do seu país como a rumba, o bolero ou a guaracha, con grandes arranxos nos que se aprecia soul, jazz, rap, funk e blues.
Jóvenes Clásicos del Son nace no ano 1994, cando un grupo de mozos e talentosos músicos cubanos reúnese cun obxectivo en común, rescatar o clásico e un tanto esquecido son cubano. Así xorden, baixo a dirección de Ernesto Reyes Palma, os Jóvenes Clásicos del Son, co formato e o estilo dun septeto de música tradicional, composto por: contrabaixo, guitarra, tres, congas, bongos, percusión menor e voz.
Discografía e compoñentes
Na súa discografía atopamos seis fonogramas: No pueden parar (Artcolor, 1996), Fruta Bomba (Tumi Music, 1999), Tambor en el alma (Tumi Music, 2001), Menos Jóvenes, más Clásicos (Unicornio, 2005), Cantan en llano (Colibrí, 2011) y Pedacito de mi vida (Independiente, 2014).
Actualmente integran a banda: Ernesto Reyes Proenza (dirección e contrabaixo), Osvaldo Ramón Huerta Cucalo (bongó), Reinier Adres Verdecia (guitarra e coros), Lázaro Eulices Thondike Ruíz (voz líder), Rubén Nidetz Hernández (tres e coros), Edenys Sánchez Olivera (trompeta e coros), Ariel Jorge Pérez Caballero (trombón e coros) e Yuniesky Ricardo Agüero Tirse (congas).
A mellor música, os mellores sons, no Verán Cultural!
Jóvenes Clásicos del Son - La flor y la hoja seca (en directo, unplugged)