Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Oito exponentes da mellor música alternativa: o...

Compartir:

Oito exponentes da mellor música alternativa: o 23 de xullo en Razo no Sereas e Piratas

The Wave Pictures, Sr. Chinarro, Pablo und Destruktion, Bifannah, Juventud Juché, Músculo!, Aries e Night Boys conforman o inmellorable cartel

Sereas e Piratas 2016

O Festival Sereas e Piratas, volve a ser protagonista do verán carballés o e o fai cun dos mellores carteis dos últimos anos. A espectacular paisaxe da praia de Razo acolle un dos tres grandes festivais do ano en Carballo, formando xunto do Rockin' e o Xiria Pop tres citas que xa son un referente para todos os festivaleiros e festivaleiras, non só galegos, senón de boa parte de España e que atrae á vila a incondicionais que repiten ano tras ano.

A cita non renuncia á súa vocación de servir como plataforma para expoñer o mellor do panorama musical galego e carballés, nin tampouco á súa vontade de ser un festival"pequeno", segundo José Antonio Deus, un dos responsables do Sereas e Piratas, e fiel aos principios que o teñen convertido no que é hoxe en día: un espazo para a mellor música, pero tamén para pasar unha agradable xornada a carón do mar con deporte, comida, actividades para os nenos e nenas e un ambiente especial.

Actuacións a partir das 22.00 h. no festival de noite

As principais citas musicais serán pola noite a partir das 22.00 h. na carpa, coas entradas por 15€ con venda anticipada a través de Ticketea. Os británicos The Wave Pictures son os cabeza de cartel deste ano, ofrecendo en Razo o único concerto deste verán en España. Coa etiqueta do pop lo-fi como afable sambenito, nunca renegan da máxima que coloca a actitude por diante da técnica e andan sempre vacinados contra a moda. Pasan os anos e seguen sendo os mesmos vándalos, só que soando cada vez máis clásicos á vez que atrevidos.

Pablo und Destruktion

Pablo und Destruktion

Sr. Chinarro trátase dun grupo formado en 1990 por Antonio Luque, pioneiro da música alternativa en España e habitualmente considerado un dos mellores letristas do país. Unha das primeiras confirmacións do festival foi Pablo und Destruktion, unha sorte de crooner visceral que sempre dá no cravo a base de toneladas de intensidade, personalidade e unhas letras que saben buscar o universal no popular, e sacar a beleza da violencia (e a violencia da beleza). Juventud juché naceron a finais do ano 2012 sen ningún tipo de pretensión. Con todo, tres anos despois e tras máis de 200 concertos, xa están a presentar o seu segundo disco,Movementos, e teñen estado en festivais tan prestixiosos como o BBK ou o FIB.

Pechan o programa da noite os galegos Músculo!. Este grupo pontevedrés caracterízase por facer música indie electrónica e Mondosonoro di deles: "Con melodías contundentes, bases rítmicas imparables e unha instrumentación electrónica e clara, Músculo! son probablemente unha das grandes bandas da escena galega". Despois deles Schulz dj seguirá coa música ata que o corpo aguante.

Festival de día

Bifannah

Bifannah

Pero o Sereas e Piratas comeza dende pola mañá para tirarlle todo o partido posible á praia de Razo. Así, haberá un campionato de surf por equipos de tres persoas; a tradicional competición de volei-praia; e unha rampa de skate na que calquera pode participar e dar os seus primeiros pasos neste deporte.

Ademais, hai música a partir das 14.00 horas, de balde no recinto do festival. A diversión comeza coa sesión vermú con Aries. Logo, quen queiran quedarse a comer poderán facelo coa tradicional paella. A partir das 17.00 horas os máis pequenos e pequenas da casa poden gozar cos obradoiros e actividades que ofrece o PequePop, cita xa ineludible no programa do Sereas e Piratas.

E xa dende as 17.30 horas volven as actuacións, primeiro cos carballeses Night Boys, grupo formado con compoñentes de Aula11 e Arabian Evils; logo, a partir das 20.30 para ver o mellor solpor da praia de Razo acompañados da música de Bifannah. E, entre concerto e concerto, animación musical con Quique Fábrica dj e Chulapos dj toda a tarde.

Praia, mar, música, deporte, comida, diversión... Vén ao Sereas e Piratas!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica