Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Máis de 250 xogadores e 55 equipos no primeiro...

Compartir:

Máis de 250 xogadores e 55 equipos no primeiro 3x3 Carballo: festa do hóckey!

A cita será entre o venres 1 e o domingo 3 de xullo no Pavillón Carballo Calero e con sete categorías, dende sub12 a veteranos ou pro

Cartaz 3x3 Carballo hóckey

Un total de 55 equipos formados por arredor de 250 xogadores e xogadoras estarán entre o venres 1 e o domingo 3 de xullo na primeira edición do Torneo 3x3 Concello de Carballo, unha auténtica festa do hóckey para comezar o mes de xullo con bo pé. Finalmente, sacáronse adiante as sete categorías do torneo, un fito importante nesta primeira edición para sentar as bases que permitan continuar celebrando esta cita co hóckey en anos sucesivos. Son sub12, sub14, sub17, absoluto, feminino, veteranos e Pro; esta última categoría con xogadores que están disputando nestes momentos a categoría nacional.

De feito, un dos pratos fortes do torneo será a participación dos cracks do nóso hockey. Aínda que en Galicia unicamente temos a dous equipos competindo na élite, os xogadores animáronse e crearon os seus equipos para participar no evento. Seguro que farán as delicias dos máis pequenos e pequenas, quen non dubidarán en imitar aos seus ídolos e converterse nun futuro nas estrelas deste deporte. Sobre a pista do Pavillón Carballo Calero, que acolle o torneo, teremos a figuras como: Jacobo Mantiñán, Willy Domínguez, César Carballeira, Fran Otero, Pablo Togores, Toni Pérez, Juan Fariza, Jacobo García, Martín Payero, Neto Barrós, Adrián Candamio, Martín Rodríguez, Pablo Cancela, Chino Miguélez, Gonzalo Pérez ou Joan Grasas.

Respecto da modalidade, será a 3×3 (un porteiro e dous xogadores contra un porteiro e dous xogadores), con partidos que o venres e o sábado poden durar até as tres da madrugada.

Moito máis que hóckey: xogos e concertos

Outro dos obxectivos do torneo, ademais de conseguir gozar co espectáculo do hóckey, é que non haxa só deporte, senón que todos os participantes do 3x3 Carballo vivan unha fin de semana distinta. Así, despois do comezo do venres ás 18.00 h., o sábado trae unha xornada do máis variado, xa que ademáis dos partidos, que se disputarán o longo de todo o día, realizaranse unha serie de actividades que comezan ás 12.00 h. cun concurso de faltas directas na categoría Pro.

A categoría Pro contará coa presenza de cracks do hóckey como Payero, Cancela, Mantiñán ou Candamio

Despois do xantar (a partir das 16.00 h.) e paralelamente aos partidos, haberá actividades de lecer no exterior para os máis novos e novas, con acceso gratuíto e exclusivo para os participantes do torneo, con atraccións como un rocódromo. A partir das 22.00 horas haberá concertos no exterior a cargo de Serj, Carlos Bau e Killer Cats, acompañados dunha churrascada para todos os participantes, que se prolongará até casi a hora de remate da xornada, sobre as tres da madrugada.

Na derradeira xornada son as grandes eliminatorias. As diferentes categorías disputarán as semifinais en horario de mañá para dar lugar a unha tarde de terceiros e cuartos postos e as ansiadas finais, acompañadas dun duelo final de directas entre os tres xogadores finalistas do día anterior. Unha antesala da entrega de premios, a partir das 18.30 h.

Non deixedes de achegarvos ao Pavillón Carballo Calero para gozar do mellor hóckey para todas as idades. E se queredes saber aínda máis sobre o torneo, visitade o web <www.3x3carballo.com>.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica