O San Xoán remata en romaría coa Festa do Bosque
Será o domingo 3 de xullo dende primeira hora da mañá no Bosque do Añón e ata que o corpo aguante con música, xogos, comida e moita diversión
Un momento da Festa do Bosque 2015, coa baixada de barcos de papel
Dende a súa recuperación para o programa do San Xoán, a Festa do Bosque é unha das citas máis emblemáticas das festas. Un ano máis porá o punto e final a un mes de celebracións cunha romaría na que as familias e as pandillas de amigos se unen para comer, cantar, escoitar música e convivir no Bosque do Añón, gozando dun programa con citas para todas as idades. E non fai falta ser carballés para achegarse á beira do río e pasalo ben con todas as actuacións e, especialmente, cunha das citas máis divertidas, o Campionato Mundial de baixada de augas doces de barcos de papel no que os participantes elaboran o seu barquiño e o botan a navegar Anllóns abaixo.
Como cada ano, o programa está cheo de música, de comida, de xogos e de festa rachada
Este ano a festa celébrase algo máis tarde do habitual, o 3 de xullo, debido á convocatoria de Eleccións Xerais do 26 de xuño, co obxectivo de facilitar de que todas as persoas que o quixesen puidesen votar e de que ninguén se quede sen a diversión do Bosque. Como todos os anos, o programa está cheo de música, de comida, de xogos, de citas para os máis cativos e cativas e de festa rachada ata que o corpo aguante.
Programa de actividades
- 13.00 h. Sesión vermú con EVA e CAMILO
- 16.30 h. Concurso de sobremesas e licores caseiros (Patrocina: Confitaría San Luís)
- 17.30 h. Xogos Populares
- 18.30 h. 112ª Edición do Campionato Mundial de baixada de augas doces de barcos de papel. Inscricións a partir das 17.30 h. (Patrocina: Tien21-Electrodomésticos Lorama)
- 19.00 h. Animación musical a cargo de DJ DAVID
- 21.00 h. Concerto de A BANDA da BALBINA