Axenda da finde
Quecemos motores de cara ás festas de San Xoán coa actuación estelar de El Combo Dominicano e tamén con exposicións, coches clásicos, capoeira, bailes latinos...
VENRES
Proxección do documental Comprar, tirar, comprar de Cosima Dannoritzer. Biblioteca Rego da Balsa. 19.00 h. A Biblioteca Rego da Balsa acolle a proxección do documental Comprar, tirar, comprar, da directora Cosima Dannoritzer, sobre obsolescencia programada, é dicir, a redución deliberada da vida dun produto para incrementar o seu consumo. A directora quería investigar e separar os feitos da ficción das varias lendas urbanas que oíra como son: as lámpadas eternas, os coches que funcionan sen gasolina, onde a historia sempre acababa cunha conspiración, a desaparición do inventor ou do aparello. Desfrutaremos da súa versión extendida, onde en 20 minutos máis que a orixinal poderemos ver novas historias e novos exemplos de obsolescencia programada. Entrada libre.
Inauguración da exposición Mare Mágnum. Andar -3 Pazo da Cultura. 21.00 h. A Sala de exposicións Alberto Gende do 3º andar do Pazo da Cultura acolle o acto de inauguración da exposición colectiva de creadores e creadoras vinculados a Carballo "Mare Mágnum". Cada ano unen a súa creatividade para expoñer durante as festas de San Xoán unha escolma do seu traballo. A cita estará amenizada polo grupo Chicharrón. Os creadores e creadoras que participan na mostra son os seguintes: Adriana Díaz, Ama, Antonio Taracido, Cristina Castro, Emilia Rodríguez, Esther Chamoso, Eva Facal, Isa Fernández, Laura Tova, Lola Oviedo, Manuel Eirín, Milagros Cotelo, Mon Lendoiro, Peter Kramer, Risé, Santi Picos, Teresa Candal e con Paco Souto, Viki Rivadulla, Nolo Suárez e Peter Schneider como artistas convidados/as. Entrada libre.
Concerto de Kostra da Morte. Sala A Reserva. 23.30 h. Se vos gusta o punk-rock, o rock duro ou o hardcore-punk, tendes unha cita este venres na Sala A Reserva con Kostra da Morte. Con Josiño da Morena na voz, Brais como guitarra solista, Luís no baixo e Borja na batería, teredes punk para dar e regalar. E logo haberá unha festa con DJ Jose. Entrada libre
SÁBADO
Daniel Sierra -Profesor Ator- e Alejandro Patas
Exhibición de bailes de salón deportivo e ritmos latinos de Carballo. Pazo da Cultura. 17.00 h. A Asociación Xuvenil e Cultural Arume de Berdillo organiza unha exhibición de bailes de salón deportivo e ritmos latinos. A cita conta coa colaboración do Concello de Carballo e do Club de Baile Azúcar & Swing. Entrada libre.
Exhibición de capoeira. Praza do Concello. 19.30 h. Alumnado de Carballo e profesores/as e graduados/as de España, Brasil e Portugal –incluído o cinco veces campión de europa, Daniel Sierra, Profesor Ator, e cuarto clasificado no Campionato do Mundo de 2016 celebrado en Guimaraes- protagonizan unha exhibición de capoeira na Praza do Concello. A cita está organizada pola Asociación Capoeira Bergantiños e Abadá. Colabora coa cita Art Surf Camp, o CEIP Xesús San Luís Romero e o Concello de Carballo. Non faltedes, ofrecen un espectáculo digno de ver! Acceso libre.
El Combo Dominicano
Monólogo de Pepo Suevos. Sala Dublín. 23.30 h. Esta finde pecha o ciclo de monólogos que a Sala Dublín de Carballo vén ofrecendo durante toda a primavera. E o fai con Pepo Suevos, coñecido actor e monologuista galego. Comezou coma contacontos e desde entón ten participado en multitude de longametraxes con papeis secundarios, así coma na maioría das series máis coñecidas da TVG e nalgúns programas de televisión. Conta con grande experiencia coma contacontos e cómico. De seguro que ides pasar un bo rato con el! Entrada anticipada 5€. En taquilla 6€.
Verbena con El Combo Dominicano e DJ Martín. Praza do Concello. 22.00 h. As verbenas do San Xoán arrincan este ano tempraneiras coa actuación estelar da orquestra El Combo Dominicano, unha das agrupacións máis solicitadas do momento que vén a Carballo para marcar o comezo oficial dos concertos das festas patronais. O espectáculo arrinca ás 22.00 horas coa actuación de DJ Martín, mentres que o concerto con El Combo Dominicano comeza ás 23.30 e prolongarase até as 03.30 horas, cun descanso que será animado tamén por DJ Martín. Vinde bailar con nós! Entrada libre.
DOMINGO
Xuntanza de Coches clásicos de 2015
II Xuntanza de Coches clásicos: Classic Car. Praza do Concello. De 17.00 a 21.00 h. Carballo celebra por segundo ano a Classic Car: Xuntanza de coches clásicos. A cita comeza ás 9.30 horas cunha concentración na base do club en Artes e coa realización posterior dun percorrido polas rúas de Carballo cara a Razo a partir das 11.00 h. Despois dun aperitivo no Cordobés, ás 13.30 h. haberá un novo percorrido polas rúas carballesas para ir ata Vilar de Francos, onde se xantará no Pazo ás 14.00 h. Os vehículos estarán expostos para que podan velos todos os veciños e veciñas de 17.00 a 21.00 horas na Praza do Concello. A concentración estará animada coa música do DJ Frank Fairnale. Acceso libre á exposición.
Festival de fin de curso da Asociación Capoeira Bergantiños e Abadá. Pazo da Cultura. 11.00 h. O Pazo da Cultura acolle o Festival de Fin de Curso (Batizado-Troca de Cordas) da Asociación Capoeira Bergantiños e Abadá. A cita contará con presenza de alumnado de Carballo e profesores/as e graduados/as de España, Brasil e Portugal, incluído Profesor Ator. A cita ésta organizada pola A. Capoeira Bergantiños e Abadá coa colaboración de Art Surf Camp, o CEIP Xesús San Luís Romero e o Concello de Carballo. Entrada libre.