Carballo por Etapas repartiu 20.000 tapas en dúas fins de semana
Os 19 establecementos participantes elaboraron bocados variados con atún Calvo e produtos da zona e moitos días acabaron as existencias
Tren turístico de Carballo por etapas
Carballo por Etapas colleitou un novo éxito, cunhas 20.000 tapas vendidas, excelentes críticas da clientela, o tren turístico cheo todos os días e unha valoración global moi positiva por parte dos 19 establecementos participantes. A ruta gastronómica organizada polo Concello de Carballo e Axober chegou á súa fin hoxe despois de dúas fines de semana moi intensas e animadas que a consolidan como un evento de promoción turística que atrae a visitantes de toda a contorna.
Repartítonse fabas, grelos, polvo, pasta, arroz, hamburguesas, canelóns, montadiños, filloas, pasteis, tostas...
Na primeira fin de semana, dedicada ao atún Calvo, os hostaleiros e hostaleiras botaron man da imaxinación para servilo en ducias de tapas diferentes: en canelóns, hamburguesas, montadiños, filloas, pastel, milfollas, tostas... Demostraron, en definitiva, que o atún ten infinidade de aplicacións na cociña. E esta fin de semana volveron a sorprender á clientela con todo tipo de propostas elaboradas con produtos típicos da comarca: fabas, grelos, polbo e ovos caseiros foron os protagonistas xunto a todo tipo de verduras, carnes, peixes, pastas e arroces, e mesmo houbo quen se atreveu con doces sobremesas para completar o menú. Bodegas Carballo, outro dos colaboradores na ruta xunto con Proquiber, tamén achegou novidosas bebidas, como sangrías branca e vermella en envases de deseño.
O tren turístico: cheo todos os días
Unha das tapas servidas durante a ruta
O tren turístico cedido polo Concello de Cabana de Bergantiños tamén volveu a ser un éxito, especialmente entre os máis pequenos, que o coparon todos os días, ao mesmo tempo que contribuíu a reforzar o atractivo turístico da ruta.
Este ano en Carballo por Etapas participaron 19 locais: A Barra Bar, Cafés A Cafeteira, Cafetería Abastos, Café Bar Embajador, Café Bar Ginebra, Cafetería Habanos 79, Cafetería Xorima, Cervecería Ágora, Cervecería Beos, Cervecería Dublín, Cervecería La Bombonera, Cervecería-Tortillería O Casino, Mesón A Cabaña, Mesón As Viandas, Oasis Restaurante-Vinoteca, Restaurante Mesón do Pulpo, Restaurante Vinoteca A de Pako, Tapería Aturuxo e Trattoria Pizzería Vesuvio.