Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Carlos Baute, Abborn, Sex Museum o El Combo...

Compartir:

Carlos Baute, Abborn, Sex Museum o El Combo Dominicano: comeza o mes do San Xoán!

Carballo prepara a semana grande das festas entre o 22 e o 26 de xuño, pero ofrece citas festeiras para todos os públicos durante todo o mes

Presentación San Xoán 2016

Un momento da presentación do San Xoán 2016

Carballo xa arrecende a San Xoán! O mes de xuño viste o traxe da festa para recibir a nomes como Carlos Baute, El Combo Dominicano, Sex Museum ou Abborn, banda tributo á banda sueca Abba. A semana grande, do 22 ao 26 de xuño, concentra a maioría das citas, pero tanto os veciños e veciñas como os visitantes que se animen a achegarse á vila poderán gozar cun completo programa durante todo mes no que se inclúen concertos tan diferentes como a gran verbena do 11 de xuño con El Combo Dominicano; ou festivais coma o Rockin', o día 17 con nomes como Sex Museum, Tachenko, Los Bengala, Nave Nodriza ou Aula 11.

Todo para que un ano máis o fume das cachelas, o arrecendo das sardiñas, os sons da Festa do Bosque, a pólvora dos fogos de artificio, os ritmos das orquestras e dos concertos, as atraccións para os máis cativos (e non tan cativos) e toda a maxia que acompaña ao San Xoán invadan Carballo.

Concertos dos días 24 e 25: Carlos Baute e Abborn

Carlos Baute

Carlos Baute

Sen dúbida un dos grandes nomes das festas é tamén o de Carlos Baute. Perdimos el control, o seu último grande éxito, soará o 24 de xuño na Praza do Concello de Carballo. O cantante, compositor, actor e presentador será a gran estrela das festas. Con preto de 2,5 millóns de seguidores en Twitter e outros tantos en Facebook, os e as fans do venezolano xa teñen o día 24 marcado no almanaque.

O día 25 chega o tributo a Abba, a banda sueca máis famosa de todos os tempos, co grupo checoslovaco Abborn. Trátase dunha das mellores bandas tributo que presentan o espectáculo musical Dancing Queen coas mellores cancións do mítico grupo. Un espectáculo que conta co recoñecemento legal da banda orixinaria e que todos os veciños e veciñas poderán gozar na Praza do Concello.

A pregoeira: a carballesa Edelmira Rodríguez

Outro dos nomes que faltaba por saber era o do pregoeiro ou pregoeira. A encargada do pregón, que terá lugar, como vén sendo tradicional, o 22 de xuño, xerá a xornalista Edelmira Rodríguez Carracedo, natural de Sofán e agora directora de Antena de Castela-A Mancha Televisión que desempeñou distintos cargos en TVE e Telecinco, neste último caso como subdirectora de programas. Mantense así a tradición de escoller a unha persoa de Carballo, relevante polo seu labor profesional, como a encargada de abrir o programa da semana grande.

A Festa do Bosque: o 3 de xullo

Festa do Bosque

Festa do Bosque 2015

Este ano a Festa do Bosque celébrase algo máis tarde, o 3 de xullo, debido á convocatoria de Eleccións Xerais o 26 de xuño. Con esta decisión preténdese facilitar que todo o mundo poida gozar dun dos días grandes das celebracións patronais de Carballo e, por outra, racionalizar o traballo do persoal municipal -tanto administrativo como de obras- e dos efectivos de seguridade e emerxencias para que todo vaia á perfección.

En todo caso, como todos os anos, o programa está cheo de música, de comida, de xogos, de barcos de papel e de festa rachada para cativos e maiores no Bosque do Añón.

Redes sociais e web propio

E para que non perdades nin unha cita, podedes seguir todo o San Xoán, coma o ano pasado, a través das súas redes sociais en FacebookTwitter e Instagram. E, por se fora pouco, tamén hai un web propio na páxina web municipal de Carballo no que estar ao día de todas as novidades.

Xa está todo listo para gozar co mes máis festeiro do ano en Carballo!

Meigas fóra! Feliz San Xoán!


Ligazóns

Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica