Carballo a un paso

Inicio // Coñece Carballo // De onde vimos // Megalítico

Compartir:

Megalítico

Dolmen Pedra Moura

Dolmen Pedra Moura

Din que unha moura, personaxe mitolóxico propio da tradición oral galega, foi a que ergueu o dolmen de Pedra Moura, en Aldemunde, levando na súa cabeza as lousas ao mesmo tempo que fiaba e daba de mamar a unha crianza.

Son moitas as lendas que existen arredor dos dolmens e as mámoas. Os dolmens, tamén coñecidos como antas, son cámaras de enterramento, que estaban total ou parcialmente cubertas de terra, formando pequenas elevacións no terreo coñecidas como mámoas. 

Din que unha moura foi a que ergueu este dolmen de Aldemunde, levando na súa cabeza as lousas ao mesmo tempo que fiaba e daba de mamar a unha crianza.

Estas construcións son características da época megalítica, que vai aproximadamente dende o 7.000 ou 6.000 a.C. até o 2.000 a.C. Estas construcións funerarias son, por así dicilo, a primeira mostra de arquitectura galaica.
O de Aldemunde é o máis importante resto megalítico do noso concello. Está datado entre o 3.500 e o 2.700 a.C. Podes atopalo nesta parroquia das terras altas de Carballo, que linda xa co concello de Cerceda, nun lugar coñecido como as Brañas do Carregal. Está conformado por varias pedras verticais e unha horizontal, que servía de tampa e que agora está a rentes do chan.

No Monte Neme, preto da Costa, tivemos o noso particular Stonehenge, a Eira das Meigas, un círculo lítico do que agora só se conservan as bases das pedras. Di a lenda que, no San Xoán, as meigas da zona reuníanse aquí co demo para facer o seu aquelarre.

Ao longo do termo municipal de Carballo atoparás tamén varias mámoas. Identificaralas como unha elevación no terreo, unha especie de pequeno monte pero construído polas mans dos nosos antepasados que desprazaron toneladas e toneladas de terra para conformar estes montículos. Na parroquia de Sísamo están as catro mámoas dos Vilares. En Oza, a mámoa do Cruceiro de Arriba. En Ardaña, a Mámoa da Peniqueira. En Bértoa, a de Queo. E, en Cances, a da Agra das Moas.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica