Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Dende Malpica ata Vilalba: todas as xoias do...

Compartir:

Dende Malpica ata Vilalba: todas as xoias do traxe tradicional galego até o 5 de xuño en Carballo

A exposición, composta de 20 pezas, pode visitarse de luns a domingo de 17.30 a 20.30 horas no terceiro andar do Pazo da Cultura

A mostra está no 3º andar do Pazo da Cultura

A mostra está no 3º andar do Pazo da Cultura

O 3º andar do Pazo da Cultura acolle até o domingo 5 de xuño verdadeiras xoias do traxe tradicional galego nunha mostra monográfica. De Malpica ou Coristanco, ata Vilalba, Melide ou Muros: un total de 20 pezas antigas ou reproduccións fidedignas conforman a exposición “O traxe do país. Poñendo en valor o noso traxe tradicional”. As roupas forman parte da colección privada do ferrolán Alberto Golpe Beceiro con algunhas pezas da colección de Antón Méndez Gándar, incluíndo complementos do vestir e ourivería. 

O propio Golpe explica que construíu a colección con moitas dificultades, con pezas conseguidas de casualidade no rastro de Madrid; con outras rescatadas dalgunhas casas nas que os donos ían desfacelas ou tiralas; e con outras moitas reproducidas a través de cadros de autores como Fernando Álvarez de Sotomayor. Golpe defende a importancia de rescatar estas pezas e de dar a coñecer a enorme riqueza de formas, cores e panos do traxe galego, unificado hoxe en día en parte pola aparición de novos tecidos de confección industrial. De feito, Golpe precisa que o "traxe antigo" é aquel anterior ao 1900. A mostra céntrase naquelas roupas dos séculos XVIII e XIX.

A mostra defende o traxe como obxecto histórico

A colección permite facer un percorrido por Galicia a través da indumentaria tradicional, observando tecidos que na actualidade xa non se fabrican, pezas de ourivería que poñen de manifesto o bo facer dos ourives galegos, mantóns e panos de cabeza que xa non se atopan, etc. A exposición pon en valor a nosa indumentaria, tratando o traxe tradicional como obxecto histórico que debe ser estudado e preservado como parte fundamental da nosa cultura.

A mostra compleméntase cun vídeo no que se explican os segredos dos traxes, como por exemplo os refaixos ou as enaguas

De feito, o propio Golpe realizou un labor de investigación que se plasma nun breve vídeo de cinco minutos que se pode ver na propia mostra, e no que se amosan algúns dos segredos que non desvelan os manequíns, como os refaixos ou as enaguas. As mulleres podían chegar a levar ata sete saias, tratando de manter unha estética na que querían semellar moi delgadas de cintura para arriba e deixar todo o volume para a parte de abaixo. Ademais, o mesmo Golpe comentaba que, naquela época, as mulleres querían ter sempre a pel branca, por iso os traxes levan pezas que cubren o corpo por completo, mesmo no verán.

A exposición pode visitarse até o 5 de xuño de luns a domingo de 17.30 a 20.30 horas no 3º andar do Pazo da Cultura.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica