En Carballo festexamos as Letras Galegas: G en ti
Citas culturais e de lecer durante todo o mes de maio para vivir unha celebración do galego porque Galiza somos nós, a xente e máis a fala
Galiza somos nós: a xente e mais a fala. Se buscas a Galiza en ti tes que atopala!
Destes versos de “Galiza”, de Os soños na gaiola, de Manuel María, nace o lema “G en ti”. Por iso, porque Galiza e o galego están en ti, e queremos convidarte a que busques, e atopes. A que estea en todas e todos. E en todo. Nas tendas, nas mensaxes de móbil, nos restaurantes, nas redes sociais, nos letreiros, nos parques, no amor, na música, no día a día... Na vida. E por iso ofrecemos tamén unha chea de actividades, desde o Concello e desde diversas asociacións, durante todo o mes de maio para a visibilización e a posta en valor do galego.
E todo xirando arredor de Manuel María, o noso poeta nacional, o autor homenaxeado nas Letras Galegas 2016. Nado en Outeiro de Rei, na Terra Cha, en 1929, é o autor máis prolífico da poesía galega. E, ademais, foi un home fondamente comprometido co país, coas causas xustas e, especialmente, coa lingua galega, algo que se ve reflectido na súa obra, que consta de preto de 100 títulos, dos cales uns 50 son poemarios, pero tamén no seu traballo constante e na súa colaboración con entidades sociais de diverso tipo, nas que estivo activo ata o seu falecemento, na Coruña, en 2004.
Que se vexa! o galego
Participa en Twitter con #quesevexaogalego, axuda a que o noso idioma estea presente e participa nun concurso
Ademais, convidámosvos a todos e todas a que colaboredes para facer que se vexa o galego. Usándoo, por suposto. Elixíndoo. Pedíndoo. Propóndoo. E tamén visibilizándoo! Polo que che propomos que o galego que ti ves, que o amoses, por exemplo, nas redes sociais. Cando o vexas no aviso dun ascensor, nunha pintada ou anuncio na rúa, na etiquetaxe dun iogur, nun rótulo dun comercio ou nun anuncio de pizza. Faille unha foto e difúndea!
E convidámosche a que a publiques esas fotos nas que se ve o galego en Twitter coa etiqueta #quesevexaogalego, para dalas a coñecer, para visibilizar a lingua, para difundila e para, ademais, participar nun concurso da CTNL.
O 17 de maio
Como cada ano o Día das Letras, Carballo celebra unha xornada de homenaxe ao autor dese ano co maratón de lectura As letras en voces, no que as persoas que o desexen len un fragmento dun texto dun autor que teña sido homenaxeado o 17 de maio, con especial atención ao do ano en curso, neste caso Manuel María.
A cita conta coa actuación da Banda Municipal de Gaitas, do grupo de música tradicional Arume de Berdillo, da Coral Ribeiras do Anllóns e de diversos centros educativos de Carballo.
Para coñecer todo o programa de actividades, que abrangue dende presentacións de libros, ata faladoiros, pasando por citas teatrais ou máis detalles de todas as sorpresas que vos agardan o 17 de maio, só tendes que consultar o web do programa, ou descargar o programa en pdf nesta mesma nova.