O mercado
É o escaparate dos produtos da zona: pan, patacas, peixes, carnes, legumes e verduras do mar e das terras bergantiñás
Encontrarás os mellores produtos da zona: o seu afamado pan, saborísisimas patacas, os peixes da Costa da Morte, as carnes que proveñen das e dos gandeiros locais, e os legumes e verduras das fértiles hortas do municipio.
Mercado de abastos
As súas instalacións, recentemente renovadas e adaptadas aos últimos estándares de hixiene e calidade, destacan pola súa luminosidade.
No mercado poderás atopar o peixe máis fresco: sardiñas, xurelos, bacallaus, nécoras, centolas, e o polbo, os pintos ou maragotas traídos de portos como Malpica, Laxe, Corme, Razo ou a lonxa da Coruña.
Tamén a verdura é na práctica totalidade da zona: repolos, allos, porros, grelos, cebolas, allos ou tomates, entre outros moitos produtos, que dan conta dos sabores que emanan das terras bergantiñás.
E, por suposto, non podes marchar sen probar o noso pan, un dos máis afamados de Galicia, ao igual que o noso pan de ovo, similar ao roscón de reis. Hai aínda panadeiros e panadeiras que o elaboran artesanalmente.
Nos baixos e no andar superior do mercado atoparás todo tipo de pequenas tendas de roupa, zapatos, complementos e outros produtos. Contarás coa mellor atención e con toda a experiencia de tendeiros e tendeiras que levan traballando no mercado boa parte da súa vida, e a quen os carballeses e carballesas coñecen moitas veces polo seu nome de pila. Comprar no mercado é, non só un hábito, senón toda unha cultura: a escolla do produto, a comparación de prezos, atopar o peixe ou as carnes máis frescas e o regateo. Somérxete nela. Merece a pena.