Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Esta primavera seguimos ofrecendo un montón de citas deportivas, culturais e mesmo gastronómicas para todos os gustos... Escollede a vosa!

VENRES

Paula Carballeira

Paula Carballeira

Semana do Libro. Contos de Grandes segredos de animais. Paula Carballeira. Pazo da Cultura 18.30 h. A Semana do Libro e a Lectura pecha coa actuación da coñecida contadora de historias, Paula Carballeira e unha nova entrega dos seus relatos. Ata os animais máis pequenos poden ter dentes, e iso, ás veces, mete medo. Pero eles, os animais, tan contentos, viven a súa vida. Pouca xente sabe que para amansar crocodilos non hai nada mellor que a poesía, ou que a baba dos caracois e das lesmas garda os segredo da xuventude e da beleza, ou que houbo unha vez unha formiga que non quixo ser obreira, nin raíña, senón cantante. E lembrade, as votacións para as exposicións do segundo andar rematan ás 20.00 horas. Entrada libre.

SÁBADO

Sábado de literatura francófona: club de lectura en francés. Biblioteca Rego da Balsa. 11.00 h. O francés invade a Biblioteca Rego da Balsa cos Sábados de literatura francófona que organiza o Comité de Irmanamento con L'Isle Jourdain. Dirixido a público adulto, pretende ser un club de lectura en lingua francesa no que gozar dos libros neste idioma.  Os interesados e interesadas en obter máis información, poden dirixirse á Biblioteca, de luns a venres de 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 20.30 horas e os sábados de 10.00 a 13.00 horas na rúa Bos Aires s/n. Tamén a través de <biblioteca@carballo.gal> ou no 981 758 580. Acceso libre.

Trofeo Júnior do Club Ciclista Carballo a un paso

Trofeo Júnior do Club Ciclista Carballo a un paso. Saída e chegada na Praza do Concello. 16.30 h. O deporte volve a invadir as rúas de Carballo durante a fin de semana coa celebración do Trofeo Júnior do Club Ciclista Carballo a un paso, unha proba de categoría nacional aprobada pola Federación Galega de Ciclismo e pola Real Federación Española de Ciclismo que ademais de contar con máis de 60 corredores ten confirmada a asistencia de dous equipos de León: o Dipuleon–Bembibre e o Arte en Transfer. A saída neutralizada e a meta estarán na Praza do Concello na zona da rúa Gran Vía, con saída real dende a rúa Fomento e cun percorrido de dúas voltas por Coristanco, Cereo e Agualada, con regreso á capital municipal pasando por Rus para completar 73,7 quilómetros. Aproveitade a tarde para achegarvos e animar aos corredores!

Rodolfo Couto

Rodolfo Couto

Monólogo de Rodolfo Couto. Sala Dublín.  23.00 h. Esta finde temos un novo monólogo do ciclo que ofrece os sábados a Sala Dublín. Rodolfo Couto formouse en talleres de teatro con Carlos Sante e Pablo Sánchez de Manicómicos e estivo en diferentes Compañías, destacando Axouxere en Oleiros e Teatro Artesan en Sada. No ano 2010 a súa afección aos monólogos levoulle a presentarse a un concurso para monologuistas na Oficina, o local de referencia da Coruña deste tipo de espectáculos. E gañou. Gustoulle e gustou ao público, tanto que tras facerse co galardón xa pasou por varios escenarios de Galicia con éxito. O seu día a día queda presente en cada actuación, nas que tanto pode facer rir con fútbol como con anécdotas no ximnasio. O cinema é outra das súas inspiracións, do mesmo xeito que a prensa diaria, xa que nas súas actuacións tamén fai referencia a titulares xornalísticos. Monologuista autodidacta sen dúbida. Non faltedes se queredes pasar un bo rato con el. Consultar prezo en Sala Dublín.

DOMINGO

Primavera en ruta

Primavera en ruta...

Primavera en ruta. “Ruta das mámoas”. 9.15 h. Senda Nova e o Concello propoñemos oito percorridos por Carballo e a contorna para coñecer mellor a nosa paisaxe e o noso patrimonio. O domingo 1 de maio é a quenda da Ruta das Mámoas.  De 16 quilómetros de lonxitude, transcorre polo Concello de Cabana, sendo a saída na Piolla e rematando nas Torres da Penela. Permite observar 14 mámoas e 1 petroglifo, ademais do grupo etnográfico do Río Abelán. Ten dificultade media-baixa. Podedes inscribirvos até dous días antes de cada roteiro. Inscricións e +info no 696 155 232. Tamén de 9.30 a 13.30h. en Protección Civil no antigo ambulatorio de Carballo e no Pazo da Cultura de 17.00 a 20.00h. O prezo para participar para os non socios é de 6 € para adultos/as e de 3 € para menores de idade.

Xornadas do boi

XII Xornadas gastronómicas do boi de Galicia. Restaurante Río Sil. Un ano máis o Restaurante Río Sil de Carballo, que recentemente acadou unha mención especial na Guía Michelín, organiza as xornadas de exaltación da auténtica carne de boi galego. Celébranse en maio a partir do domingo 1 e só tendes que chamar ao restaurante para reservar ou obter máis información. E logo, sentarse á mesa e gozar coa carne. +info: 981 700 478.

EN CURSO

Scripta Manent pode visitarse até o 21 de maio

Scripta Manent pode visitarse até o 21 de maio

Scripta Manent: exposición sobre a historia do libro. Biblioteca rego da BalsaCon motivo do Día do Libro, a Biblioteca Rego da Balsa inaugurou o 23 de abril a exposición Scripta Manent, que versa precisamente sobre a historia do libro. A mostra está organizada polo IES Alfredo Brañas, que cede materiais tan interesantes como carteis e ilustracións, diferentes obxectos antigos de escritura e ata facsímiles de libros antigos. Unha recompilación ben xeitosa levada a cabo polo profesorado e alumnado deste centro educativo. Podedes visitala até o 21 de maio! Non deixedes de vela no horario habitual da biblio, de luns a venres de 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 20.30 h. e os sábados de 10.00 a 13.00 h. Entrada libre.

Exposición artística oDesexo. Andar 3 do Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00 h
. A sala Alberto Gende do Pazo da Cultura acolle unha nova mostra artística, neste caso con pinturas e esculturas de Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro. O primeiro é un pintor de referencia cunha longa carreira na que cabe destacar a súa pertenza ao grupo NOME (fundado en 1986). Aborda o seu traballo coas máis diversas posibilidades técnicas, case sempre combinadas.  Xoán Pardiñas tamén pertence ao grupo NOME, do que foi co fundador. Participa en numerosas exposicións tanto individuais como colectivas das que cómpre salientar “Unidos pola arte” en 2012 na capital galega. Por último, Fernando Riveiro é un artista autodidacta interesado na arte-lixo e no collage. Inicia a súa andaina expositiva a mediados dos anos oitenta. Se queredes aproveitar esta oportunidade inmellorable para gozar con eles, non deixedes de pasar polo Pazo da Cultura. Entrada libre.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica